Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"Sobre a fraxilidade", Ana Matey

Sábado 25 de novembro, ás 11 h
Praza da Peregrina, Pontevedra

Sobre a fraxilidade, Ana Matey

Título: Sobre a fraxilidade

Ao pensar na violencia en xeral, e na exercida contra as mulleres en particular, venme á cabeza a fraxilidade das persoas ante actos que as agriden e as manipulan. A peza indaga nesta fraxilidade a través dunha acción poética que non é reflexo, non representa nin lle dá solucións a unha problemática complexa. Tomar conciencia da nosa fraxilidade, dos nosos actos, de xestionar as nosas emocións é labor de cada unha das persoas que conformamos a sociedade para así mellorala. Un camiño trazado que só hai que percorrer.

Créditos da imaxe: Sobre o acto de desprazar e o estado do desprazamento, durante a residencia en Saari da Fundación Kone (Finlandia).

Ana Matey (Madrid, 1978)

Artista visual, intérprete, fotógrafa e dinamizadora cultural. Estudou Comunicación, Imaxe, Fotografía e Danza Butoh. A súa carreira profesional comezou no 2001 coa súa primeira exposición individual. No 2004 internouse na arte de acción, primeiro a través da cámara e posteriormente, a partir do 2006, en vivo. A súa obra amosouse en museos, galerías, teatros e espazos independentes por España, Europa, México, República Dominicana, Canadá, Marrocos, Indonesia e Xapón, en lugares como o Museo Guggenheim (Bilbao), o Centro de Arte FADO (Canadá), o Museo Reina Sofía (Madrid), a Galería Sesama (Yogyakarta), a basílica de San Marcos (Venecia), o Cine Coliseum (Berlín), o Museo de Arte Moderno (Tetuán) ou o Teatro Universum (Helsinki). Desde o 2006 dedícase de maneira paralela á creación no ámbito da dinamización e da investigación. É a cofundadora de El Carromato (2006-2010), colectivo de profesionais da fotografía e espazo multidisciplinar no que se xesta ARTÓN (2009-2014), un encontro mensual dedicado á arte de acción; dos actuais EXCHANGE Live Art xunto a Isabel León (2012), proxecto de investigación e creación colectiva; e do MATSU Creación (2012), espazo onde se unen arte e natureza. Participa periodicamente en debates, charlas e presentacións. Nos últimos anos recibiu varios premios e bolsas, entre as que destacan a da Fundación Kone en Finlandia e a de EEA da Embaixada de Noruega en España. A súa obra está publicada en revistas, xornais e catálogos, tanto impresos coma en liña.

Galería de imaxes