Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Zeltia

Xullo 2020 - Gondomar

Título da acción: Muller tribal

Zeltia

A acción:

No comezo da acción estarei situada nun decorado que semella o bosque. Sentada nunha cadeira de madeira, darei comezo cunha melodía crúa de violonchelo e voz; a canción Muller guerreira da miña obra, coa que sitúo a percepción imaxinaria nunha escena rural. Unha muller facéndolle fronte á súa condición social do "sexo débil", sendo paradoxalmente a máis forte. Galicia é posuidora, a través da cultura de base, do símbolo da muller loitadora e valente. Pretendo presentar a "muller" como símbolo de saúde, de defensora da Vida. Continúo con Voltarei; a dor de ter que ir en busca dun novo fogar onde os soños e a realidade poidan construírse xuntos. A morriña pola Terra inunda esta composición feita para as e os emigrantes galegas e galegos. En definitiva, o obxectivo desta acción é facer rexurdir a figura da Muller a través da Música e dos elementos ambientais nun símbolo de Cambio. A Terra, o Planeta, precisa máis que nunca dun símbolo de responsabilidade e ese ten que ser, por dereito, a imaxe da Muller, da Muller Guerreira, sempre empregando a superación persoal antes que caer na falta de Amor e o seu oposto, a Violencia. Se a vida é un reto, a muller demostra, en esencia, superación. Esa é a mensaxe que pretende lograr esta acción. A acción terá un decorado de pólas, troncos e follas. A idea é evocar o bosque e adoptar elementos da simboloxía castrexa para dar a sensación de viaxe temporal e de volta ás raíces para atopar respostas ao mundo moderno (cabe a posibilidade de que toda a acción vaia acompañada dun bailarín de danza contemporánea que vaia artellando con eses elementos ambientais. Falta plena confirmación de asistencia).

CV Zeltia (Marín, 1991)

Zeltia é unha artista propia da península do Morrazo (Pontevedra), con residencia actual en Santiago de Compostela. Nos últimos anos estivo en contacto coa poesía da cidade a través dos micros abertos de música e poesía, o Slam Poetry e os concertos, o que lle permitiu coñecer a diversidade de músicos e artistas locais e chegar a participar activamente con eles, ademais de en eventos benéficos no Teatro Principal de Santiago de Compostela e noutros eventos patrocinados polo Concello de Santiago de Compostela. A música de Zeltia consegue adentrarnos nunha viaxe onde o folk e o blues se mesturan con outros momentos máis acústicos e tribais. As composicións son en galego e en inglés e se inspiran no legado cultural da nosa terra galega, que nos conecta co celtismo. No seu afán máis ambicioso, pretende impulsar un cambio san no seu arredor e difundir a mensaxe de protexer a nosa cultura xunto co bosque autóctono, unha mensaxe de superación. En palabras da cantante e compositora galega: "Eu espero que só me deixedes entrar ao Bosque convosco; con esta música danzaremos e lembraremos o tempo da vida, os soños que aínda nos guían".