Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Russinha

Agosto 2020 - Sanxenxo

Título da acción: Transcurso

Russinha

A acción:

Transcurso é un proceso de exploración dos desencadeamentos cognitivos e emocionais a través dos estímulos sonoros e de ritmos poderosos que combinan o club coa música de diferente orixe e contornos culturais e coas percusións tradicionais e ancestrais do mundo.

Na narración, as distintas melodías constitúen unha verdadeira declaración de intencións: experimentar e adentrarse no camiño das emocións co fin último de ter a posibilidade de dar un paso firme cara á aceptación e ao amor propio, entendendo a música como forma de transformación social, de visibilización de colectivos non hexemónicos e de loita.

O set está elaborado a través de mesturas de sons propios e a incorporación de música pertencente a diferentes identidades e voces multixénero co propósito de crear un espazo libre de prexuízos, discriminación, acoso ou calquera tipo de violencia

CV Russinha (1991, Santiago de Compostela)

Russinha é un proxecto musical que comeza no ano 2016 á volta de vivir un tempo na cidade do Porto e tras tomar contacto coa música das diferentes culturas que alí conviven, sobre todo as de orixe brasileira, angolana e caboverdiana.

En canto á traxectoria musical, formei parte do colectivo de rap-trap feminista Mulheres na Batida e, na actualidade, combino o proxecto en solitario con dúas colaboracións: o dúo de picadiscos afrotropicais Côco Dança Estímulo e o proxecto musical ou musicado Jóia Rara xunto a Akazie e a ilustradora Julia Lago.

Apaixonada dos distintos ritmos e músicas do mundo, desde o tradicional ao contemporáneo, procuro homenaxear as distintas culturas facendo sesións nas que sexa posible partillar visibilidade e loita, na procura de crear espazos seguros nos que as persoas poidamos gozar de nós mesmas e desinhibirnos sen risco de experimentar calquera tipo de violencia.