Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Pauliña

Xullo 2020 - Vilagarcía de Arousa

Título da acción: Orghullosa de ser muller

Pauliña

A acción:

Nunha sociedade chea de prexuízos, enganos, mentiras, violencia e conspiración, as mulleres procuramos vencer a que parece ser chamada "a guerra máis longa da historia". Para os efectos persoais, e consciente da problemática actual, só me sae cantar, escribir e berrar, atrevéndome a sentirme orgullosa de quen son, incluída a palabra "muller", que tanto está en boca de todxs nestes tempos. Ás listas chamábanlles tolas, as meigas caían nas fogueiras e, en pleno 2019, cando nos queren calar, disfrázano de "violencia de xénero", aparentemente sen culpables. Deberiamos chamarlle MACHISMO.

 

 

 

CV Pauliña (A Modia, Cambados, 1994)

Escribo isto en primeira persoa; eu son Paula, máis coñecida como Pauliña. Nacín en Cambados, concretamente nunha aldea humilde nas aforas, na que me dedicaba a ir ao colexio e ser panadeira no negocio familiar.  As inquedanzas pola música véñenme desde moi cativa, pero foi con catorce anos, alentada por unha amiga, cando comecei a tocar os primeiros acordes na guitarra. Recordo aquela bodega de Barrantes, pouco alumnado, moito rock and roll e un sentimento que medraba. De aí xurdiu o que son agora: poesía, sentimento, raiba e constancia.  Viaxei a Inglaterra con dezasete anos e empapeime da cultura británica e dos seus sons para pouco despois regresar á efervescencia musical que frecuentaba Compostela. Por mor da situación económica que padecía, vinme na obriga de mudarme de novo, desta volta a Ourense (a miña segunda casa), na que, tras longas charlas con Lolo (manager, produtor e baixista), asinei coa discográfica Xonix Records.  En maio de 2018 saíu á luz o meu primeiro traballo, De-Xeneración, que tan só me trouxo ledicia e moitas ganas; e, a pesar de todos e cada un dos problemas, das novas cidades, coma Vigo, nas que me vin de paso, sempre compaxinei estudos, música e traballo. Agora, desde a miña vila natal, volvo ás raíces e atópome gravando o que é o meu segundo disco, con máis madurez, forza e ganas que nunca. Dicía sempre miña avoa: "Quen algo quere, algo lle custa".