Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

María Maquieira

Outubro 2020 - Meis

Título da acción: intervención mural

María Maquieira

A acción:

No seu libro Las fronteras del feminismo. Teorías nómadas, mestizas y postmodernas, a doutora en filosofía, investigadora e profesora da Facultade de Artes e Comunicación da Universidade Europea de Madrid Carolina Meloni ábrenos a mirada cara a cales son os confíns e límites que a propia teoría feminista debería considerar e superar para abrazar dese xeito todas as particularidades, identidades e perfís que esta loita abarca, sumándolle aínda máis forzas á súa causa. A través do trazo, ferramenta característica da linguaxe do debuxo, a artista María Maquieira traducirá a imaxes as ideas do ensaio elixido como alma para este traballo, conducido a través da liña como metafórica fronteira que, ao mesmo tempo que as fragmenta, tamén unirá as protagonistas do seu debuxo-mural.

CV MARÍA MAQUIEIRA (A Coruña, 1985)

Licenciada en Historia da Arte entre Santiago de Compostela e a Facultade de Letras e Filosofía de Perugia, os seus estudos en Belas Artes comezan en Pontevedra, traballando en paralelo como investigadora no Museo da cidade, e continúan desenvolvéndose grazas a unha bolsa renovada por tres anos consecutivos por parte da Deputación da Coruña na Academia de Belas Artes de Roma, cidade na que reside durante máis de seis anos e onde inicia a súa carreira artística. O seu percorrido formativo e paralelamente creativo prosegue na Academia Strzeminski de Belas Artes de Lódz, Polonia, no Centro Internacional da Estampa Contemporánea da Fundación CIEC, en Galicia, e nas diferentes residencias artísticas que realiza no estranxeiro, como en Atenas e na illa de Creta tras gañar o Premio Novos Valores 2017 da Deputación de Pontevedra, no Colexio de España (en París) ou en Inglaterra. A viaxe e as experiencias noutros países pasan a ter unha gran importancia e influencia no desenvolvemento da súa identidade como artista. Ademais de traballar co debuxo, o gravado, a colaxe e a escritura como linguaxes expresivas, María traballa tamén como escenógrafa e muralista e amplía a súa linguaxe creativa en 2017 entrando a formar parte da produtora de cinema independente Annanià Films e desde 2015 dando forma a espectáculos de música e debuxo en directo co grupo de compositores Two Faces. A súa obra foi exposta de forma tanto individual como colectiva en países como Francia, Suecia, Suíza, Polonia, Grecia ou Estados Unidos, así como en España e Italia.