Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Las Antonias

Agosto 2020 - Cambados

Título da acción: Conciencia

Las Antonias

A acción:

Las Antonias parten da idea principal de quererse e respectarse a elas mesmas por riba de todas as cousas. Antonia ou Antonio non é só un nome, é o álter ego de toda persoa que se valora e se quere e, como consecuencia, quere as e os demais.

Presentarán unha acción centrada no humor que as caracteriza, parando o movemento para escoitar a voz ou o canto da conciencia a través das súas cancións, nas que se reflicte a esencia do que nos queren transmitir. Destripan cancións de toda a vida nas que cambian o contido sexista ou violento destas polo humor para equilibrar a balanza entre persoas.

Humor, respecto e igualdade combínanse nesta ocasión para dar a luz esta acción chamada Conciencia.

CV Las Antonias

Nacen en 2015 na Sala Mardi Gras da Coruña cando dúas compañeiras de baile, das que "queiman pista", decídense a montar unha banda feminina. A idea toma forma coa necesidade de devolverlles ás cancións de toda a vida o apoderamento que as mulleres merecen.

Destripan boleros, tangos e outras delicias fundindo as súas voces entre guitarra, vasoiriñas, melódica, un fagot encontrado, batería e un ukelele baixo.

Introdúcennos con histriónico pracer no seu mundo antoñil para facérmonos sentir e saber que todas somos Antonias e Antonios, comulgando sen reparos, transmitindo nutrientes, filtrando substancias nocivas e fabricando hormonas ao ritmo dunha escena obscenamente riseira.

Las Antonias é un grupo formado por Antonia Lee (Ana Lee), Antonia Colores (Mamen Bazarra) e Antonia Deluxe (Elena García-Fresca). Nos últimos meses incorporaron novos membros para ofertar así unha formación máis completa: Antonia á Feira (Sabela Caridad) á percusión e Sam Antonio (Jota Romero) ao ukelele baixo.

Ao berro de "Todos somos Antonias!" inclúen a participación de mulleres e homes no seu espectáculo.