Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Dúas gamberras e un micro

Febreiro 2020 - Crecente

Título da acción: O bo rollo vai rematar

Dúas gamberras e un micro

A acción:

O bo rollo vai rematar é unha declaración de intencións. É unha acción enfocada a traballar a través da palabra falada as violencias cotiás para cuestionar a hexemonía heteropatriarcal, os estereotipos, os modelos estéticos e a discriminación cara ás identidades diverxentes. Sempre desde unha óptica feminista e de xénero, o obradoiro previo terá como obxectivo falar co alumnado sobre a súa perspectiva da realidade para reflexionar sobre a construción da imaxe propia e tamén das relacións en comunidade, dos problemas silenciados e das condutas de risco. A acción escénica xirará ao redor dos comportamentos lesivos normalizados que pasan desapercibidos no día a día, pero que existen e vertebran os vínculos afectivos, definen a nosa relación co contorno e atanguen a autoestima e os afectos. A proposta é que o alumnado participe na intervención escénica. A actividade desenvolverase integramente en galego como parte da reflexión sobre a diverxencia. Traballarase a sensibilización contra as violencias e os clixés que se exercen sobre as identidades non hexemónicas, neste caso as lingüísticas, realizando un labor normalizador da lingua en espazos alleos ás aulas.

 

CV Dúas gamberras e un micro

Proxecto formado por Vanessa Glemsel (Vigo, 1987) e Nuria Vil (Vigo, 1993)

"Dúas gamberras e un micro" é o proxecto de poesía oral e intervención escénica formado polas autoras Nuria Vil e Vanessa Glemsel.

Desde 2016 as dúas viaxan de horta en horta pola xeografía xogando entre os límites do literario e a improvisación a través da oralidade. Algúns dos seus textos atópanse na antoloxía¿ Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018) e espallados en distintos fanzines e publicacións. Formáronse no Grao en Estudos de Galego e Español da Universidade de Vigo, en distintos grupos de teatro, improvisación e escrita creativa; levaron a cabo a tradución inédita conxunta ao galego da obra ¿La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca (para a súa representación na XXI MITEU 2016) e a subtitulación ao galego dos documentais ¿A muller invisible, de Noemi Chantada, e ¿Palmira, de Diana Gonçalves (para a súa proxección no ¿Festival 85C 2018). Foron cocreadoras do extinto ¿Grupo F de intervención escénica de danza e poesía. Formaron parte da xunta directiva da asociación universitaria de normalización lingüística Trabalingua ata 2016, e ata 2018 constituíron a da asociación ¿85C de mulleres artistas, na que levaron a cabo labores de tradución, redacción, programación e produción de eventos. Comparten a sección "Vidas wasapp" na revista Tempos Novos e, ademais dos proxectos conxuntos, desenvolven propostas individuais vencelladas coa oralidade. Nuria Vil forma parte do grupo multidisciplinar Sésega, no que se mesturan música experimental, palabra falada e proxección en Super-8, e tamén compartiu distintas propostas co grupo de rock ¿Rabuda, a directora Anxos Fazáns e a artista Arancha Brandón. Vanessa Glemsel, xunto co artista gráfico Davida, prepara o lanzamento dunha editora e produtora cultural para finais de 2019, desenvolve un proxecto teatral con Mónica Sueiro, unha edición ilustrada e musicada das cantigas de Martín Códax con Davida e prepara o seu primeiro libro coa editora Urutau.