Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Cris Vilariño

Xaneiro 2020 - A Cañiza

Título da acción: Intermissum

Cris Vilariño

A acción:

Interromper a continuidade de algo non material, non cumprir un compromiso ou unha norma, desfacer, desbaratar un grupo ou corpo de xente armada, crebar ou facer anacos unha cousa, empezar, comezar.

Todo iso é romper.

Romper como o inicio de algo novo, desfacelo todo para construír de cero. Pensar profundamente no que queremos construír, poñer a intención niso, poñer o corpo.

Intermissum é unha intervención de danza participativa, un espazo de reflexión sobre o que xa está construído, un lugar onde cuestionar como está constituída a nosa identidade, que somos e por que somos, e inventar novas formas posibles a través da palabra e o corpo.

 

CV Cris Vilariño (Lugo, 1976)

Diplomada en Danza Contemporánea. A danza butoh, o body weather e diversas técnicas de improvisación foron os piares da súa investigación persoal e do seu traballo.

Formouse con diferentes mestras e mestres, así como coa aprendizaxe autodidacta e a experimentación continua. Participou en diferentes producións como intérprete e creadora, e actualmente tamén colabora coa compañía Licenciada Sotelo.

Como docente impartiu clases regulares a nenas, nenos e persoas adultas, así como obradoiros intensivos de butoh, laboratorio de movemento e improvisación e conciencia e sensibilidade corporal, e levou a cabo diversos procesos creativos con adolescentes.

No curso 2017/2018 dirixiu a Aula de Danza da Universidade de Ourense e no 2019 o proxecto MASA (Mover as aulas) do Teatro Rosalía de Castro. Traballa en diferentes propostas sobre innovación pedagóxica a través da arte, o corpo e a creatividade. É licenciada en Xornalismo e ten un posgrao en Fotoperiodismo.