Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Silvia Penas

Decembro 2019 - Lalín

Título da acción: Deslindar o paraíso

Silvia Penas

A acción:

Deslindar o paraíso ten o seu punto de partida na poesía, concretamente no poemario Fronteira paraíso (Silvia Penas, Editora Urutau, 2019), que se converte nun espazo sonoro e visual a través da palabra, pero tamén da música e doutros recursos de audio, escénicos e de videoarte. Pretende abrir camiños de reflexión, pequenos pasos que cuestionen os esquemas que o amor romántico trazou na nosa concepción das relacións sentimentais e que se nutre, ao mesmo tempo, dos estereotipos de xénero que socialmente se nos asignan ás mulleres. Pode estar a palabra "paraíso" equivocada?

Afondarase na idea do límite en diferentes dimensións: ata onde resistimos? Como manexamos vivir no límite da desaparición? Ese terreo movedizo da fronteira chamada paraíso, onde comeza e onde ten o final?

 

CV Silvia Penas (Vigo, 1980)

Silvia Penas é licenciada en Filoloxía Galega. Colabora como docente do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (Concello de Vigo) na área de spoken word, dada a súa traxectoria na poesía escénica. Como poeta foi galardoada en diversos certames, coma o Premio de Poesía da Universidade de Vigo 2005 co poema en cinco partes titulado Neste bosque. En 2010 publicou, en coautoría con Elvira Riveiro, o poemario Biografía da multitude, co que conseguiu o premio Victoriano Taibo 2009. En abril de 2013 publicou As uñas crecen, poemario gañador do certame de poesía Manuel Lueiro Rey.

Gañou o I Slam Poetry Vigo e o I Slam Arousa. Foi seleccionada para participar no Gran Slam Internacional de Barcelona, que tivo lugar en marzo de 2013, e clasificouse para o Poetry Slam Nacional de Madrid dese mesmo ano. En 2015 publicou o libro de poemas Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, co que obtivo o Premio de Poesía Avelina Valladares.

En 2019 publicou o poemario Fronteira paraíso e lanzouse o disco homónimo da formación Cintaadhesiva, proxecto multidisciplinar de poesía escénica, música e videoarte do cal é cocreadora canda Jesús Andrés Tejada.

Tamén participou na creación da peza Sofía e as postsocráticas, da compañía Inversa Teatro, na que se inclúen textos da súa autoría e desempeña o labor de actriz.