Mulleres en acción Violencia Zero

"7 CONSTELACIÓNS QUE XA NON SON INVISIBLES", Estíbaliz Espinosa

Forcarei, 30 de setembro de 2019 ás 12:35 h, IES Chano Piñeiro

Estíbaliz Espinosa

Acción: poesía, música e astronomía

Título: 7 CONSTELACIÓNS QUE XA NON SON INVISIBLES

Estíbaliz Espinosa artella unha proposta de acción onde a poesía, a astronomía e a visibilización de mulleres investigadoras se mesturan nun acto comprometido e de relevancia artística. Acompañada de música en vivo, supón un repaso aos nosos conceptos de visibilidade/invisibilidade e acción/repercusión, tomando como pretexto as propias estrelas que xa non vemos na noite. Para iso, o concello de Forcarei, sede dun Observatorio Astronómico, supón o marco espléndido para unha actividade cos pés na terra e cos ollos no ceo.

CV Estíbaliz Espinosa (Río)

A Coruña, 1974, ano da mensaxe desde o radiotelescopio de Arecibo.

Escritora. Música. Escribe poemas e ensaios baixo a aurora da ciencia, nomeadamente a astronomía.

 Ten publicados 7 libros de poemas, entre eles, Curiosidade (Aira Editorial), As neuronas irmás (Arte de Trobar), Zoomm. Textos biónicos (Xerais), Papel a punto de (El Gaviero). Premios: Esquío, Afundación-Pen Galicia, La voz+joven, Espiral Maior, entre outros.

Escribe relatos e divulgación científica artellada con poesía. Colabora co Planetario da Coruña e co Cuaderno de Cultura Científica da UPV. Como tradutora editou A illa curiosa e a tradución do universo (Cíes, 2016). Publicou o álbum Caer de cu polo universo (Apiario) e relatos sobre investigadoras en ciencia (iBooks). Escribe para a OSG e traballa como cantante.

Formouse como socióloga e filóloga hispánica na UDC. É astrónoma afeccionada. Busca a constelación que une ciencia, poesía e muller.