Mulleres en acción Violencia Zero

"EFECTOS COLATERAIS", Concha Mayordomo

Ponte Caldelas, 13 de febreiro 2019 ás 13:30 h, IES de Ponte Caldelas

Concha Mayordomo

EFECTOS COLATERAIS

De todas as situacións que a violencia machista desencadea, sen dúbida, a peor posible é a padecida polas nenas e nenos da parella; a violencia contra a nai, os malos tratos, os abusos sexuais… pero o peor de todos os escenarios posibles dáse co seu asasinato. As cifras a día de hoxe son verdadeiramente escandalosas e desde que José Bretón acabou coa vida de Ruth e José en Córdoba a listaxe de asasinatos de inocentes non para de crecer.

A falta de empatía e a ignorancia non exculpan os comportamentos que aparecen instalados na nosa cultura. En definitiva, esta acción artística participativa propón un exercicio de análise crítica da realidade a través das novas nos medios de comunicación para dar énfase á (in)xustiza que segue allea moitas veces aos dereitos das persoas máis vulnerables. Sensibilizar sobre o sufrimento que a violencia machista impón a nais, fillas e fillos será o primeiro e único obxectivo da acción Efectos Colaterais.

CV Concha Mayordomo

Nacida en Madrid en 1955, é licenciada en Belas Artes (UCM) e graduada en Artes Aplicadas. Con claro compromiso pola igualdade, a violencia de xénero e a visibilidade da muller artista, participou en moitas exposicións tanto nacionais coma internacionais e a súa obra atópase en coleccións públicas e privadas. Tamén comisariou máis de trinta exposicións; entre elas cabe citar as realizadas no Museo del Traje de Madrid, no Ministerio de Cultura e no Concello de Madrid. Mantén ademais a dirección académica de cursos sobre arte. Foi directora executiva do II Festival Miradas de Mujeres e membro da Xunta Directiva de MAV (Mujeres en las Artes Visuales), ademais de ser presidenta fundacional da Asociación Generando Arte. Actualmente preside a asociación de mulleres artistas Blanco, Negro y Magenta e dirixe Blanco, Negro y Magenta–La revista. Colabora na edición dixital de El Pais e en Tribuna Feminista e paralelamente mantén o seu blogue Mujeres en el arte.