Mulleres en acción Violencia Zero

"REGUEIFA 2.0", Alba María Rodríguez Díaz y Guadalupe Blanco Vázquez

Meis, 22 de outubro 2019, ás 12 h, Auditorio Multiusos

Alba María Rodríguez Díaz y Guadalupe Blanco Vázquez

REGUEIFA 2.0

O espectáculo de dúas regueifeiras consiste na súa axilidade á hora de improvisar en verso e na mensaxe que queren difundir sobre o rol da muller: a regueifa estivo vetada para elas e agora non hai quen as pare para dicir o que pensan. Utilizan a regueifa en clave de humor, pero tamén para afianzar o poder da palabra como mulleres en acción, loitando por un modelo de regueifa feminista que empeza a dar froitos entre moitas futuras regueifeiras.

CV Alba María Rodríguez Díaz (Las Palmas de Gran Canaria, 1995)

Cantora, produtora, compositora e improvisadora oral galega. Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Pinto de Herbón, Luís o Caruncho ou o decimeiro cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. En relación con este ámbito leva impartido decenas de obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado desde os 3 aos 90 anos, e desenvolve o proxecto de narración oral para público familiar Historias da tinta imaxinaria, que mestura conto con canción improvisada. Graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de fin de carreira, traballa tamén como correctora externa para a editorial Galaxia. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), o primeiro monográfico centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños. Como produtora forma parte do equipo do Encontro de Tocadores-Entre Margens, da Câmara Municipal de Caminha, e da programación compostelá de Efecto Proximidade, entre outros. Coordinou e participou no espectáculo de voces femininas Hemisferios.

CV Guadalupe Blanco Vázquez (Coristanco, A Coruña, 1980)

Pandeireteira desde os sete anos, entra no mundo da regueifa recordando o seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o "padriño" da regueifa en Bergantiños. Crea a páxina Regueifando pola vida e consegue un recoñecemento notorio na comarca de Bergantiños, tanto é así que colabora desde o 2016 cunha regueifa semanal en Radio Voz Bergantiños e publica no dominical de La voz de Galicia, edición Carballo. No 2017 dá os pregóns do Día da Muiñeira (Carballo), da Noite no Medievo (Rioboo-Cabana) e da Festa da Pataca (Coristanco) todos eles a modo de regueifa. Colabora co proxecto Regueifesta impartindo obradoiros no ámbito educativo e forma a primeira Escola de Regueifeiras na Fundación Pondal (Ponteceso). Participa no certame internacional de regueifas en Valadares e en actuacións destacadas como a Gala do Patrimonio (Cangas, 2017). Actualmente está considerada unha das mellores regueifeiras de Galicia pola conservación das tonadas características de Bergantiños.