Noticias

Ponteareas estrea o seu "anel urbano" transformando 35.000 metros cadrados nun espazo humanizado e integrador co Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva: "Esta actuación mostra que temos que pasar do discurso da sostibilidade a facer obras sostibles porque os pobos teñen que ser diferentes aos que construímos no século XX. Concello e Deputación camiñamos xuntos nesta estratexia de transformación"


21 xullo 2021
Obras en Ponteareas

A transformación e integración urbana do espazo entre a piscina, o Centro Deportivo Álvaro Pino e o centro de saúde, que foi posible grazas a un investimento de 526.614 euros por parte do Plan DepoRemse da Deputación que buscaba crear espazos amables, supuxo un cambio substantivo na fisionomía urbana de Ponteareas. Así o afirmou a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa, Cristina Fernández, durante a visita que realizou "a esta espectacular recuperación do espazo público", un ambicioso proxecto no que a Deputación achegou o 80 % do orzamento.

As obras supoñen a creación dun "anel urbano" entre os tres equipamentos deportivos e sanitario nun contorno que pasa a dispoñer de tres novos espazos que funcionarán como prazas públicas entre a piscina e a rúa Real, fronte ao centro deportivo e diante da fachada do centro sanitario. Durante a visita, na que tamén participaron o deputado Santos Héctor e os tenentes de alcalde/sa e concelleiras/os, Roberto Mera, Chus Garrote, Verónica Carrera e Miguel Bouzó, percorreuse todo o ámbito reformado, que abrangue unha superficie de 35.000 metros cadrados e que se estende lonxitudinalmente case medio quilómetro polas rúas Real, Cachadas e costa do Ambulatorio.

Na súa intervención, Carmela Silva, que tivo un recordo emotivo para o anterior alcalde, Xosé Represas, recentemente falecido, puxo en valor "un proxecto espectacular que mostra a nosa aposta pola mobilidade amable, por promover que as e os protagonistas do entorno público sexan as persoas e por reordenar o espazo que teñen os vehículos que para nós xa non son protagonistas, porque o protagonismo o ten que ter a veciñanza, as persoas". A presidenta provincial recoñeceu a súa sorpresa "porque realmente aquí houbo una inversión superior aos 500.000 euros, pero parece moito maior ante unha extensión enorme que está feita con eses valores de mobilidade sostible, cunha estética que fai moi atractivo achegarse ata aquí, e ademais, facelo onde hai tantos equipamentos e servizos públicos". Carmela Silva felicitou por iso ao Concello "pola claridade de que hai que facer cousas distintas, que temos que pasar do discurso da sostibilidade a facer obras sostibles, pasar á acción porque os pobos teñen que ser diferentes aos que construímos no século XX. Síntome moi contenta, dixo, de que camiñemos xuntos Concello e Deputación nesta estratexia de transformación. Temos unha idea de futuro e temos un modelo de como actuar no territorio"

Para a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, a obra "é un claro exemplo do que pode conseguir a veciñanza unindo forzas e contando cos esforzos de dúas administracións públicas". Destacou que grazas a estas actuacións Ponteareas conta agora cunha "zona máis amable e máis útil para as persoas usuarias do Complexo Deportivo Álvaro Pino así como tamén para as que acoden ao centro de saúde". Tal e como asegurou a alcaldesa de Ponteareas, con esta obra do Plan DepoRemse poderase acudir a pé a estes servizos no que será "un punto de conexión entre a senda do Tea e o regato da Venda". As actuacións supoñen, en palabras de Cristina Fernández, "unha mellora na saúde das persoas, na utilidade pública e no medio ambiente". En definitiva, para Fernández esta é "unha obra que nos dá moitísima satisfacción ver rematada, tanto polo uso que se lle dará por parte das familias, persoas usuarias e deportistas como polo entorno que xerou".

A actuación

O proxecto desenvolvido en Ponteareas potencia zonas singulares ás que acoden diariamente centos de persoas e incide na contención da velocidade dos vehículos para compatibilizar o tráfico rodado coa mobilidade peonil, que cobra protagonismo seguindo o modelo de mobilidade amable e segura da Deputación. Inclúe zonas de coexistencia e separacións físicas para protexer ás persoas que camiñan, ademais de redutores de velocidade e sinalización de limitación a 20 Km/h.

A nova praza entre a piscina e a rúa Real ordena os espazos de aparcamento e foi posible trala demolición dunha vella construción en desuso de titularidade municipal. Alí completáronse as beirarrúas e conformáronse áreas de lecer e de estancia enlazadas co vestíbulo da piscina. Inclúe unha zona verde de 1.400 metros cadrados. Diante do "Álvaro Pino" conformouse outra praza, conectada coa anterior, definida con espazos polivalentes, e remarcada pola continuidade dos pavimentos. Finalmente, fronte o centro de saúde reformouse o primeiro tramo da rúa Cachadas á rúa costa do Ambulatorio, así como o cruce entre ambas as dúas. Nesta zona dignifícase tamén o espazo peonil fronte a unha casa con patín con protección patrimonial. Finalmente, todo o proxecto articula o tránsito peonil en dirección á senda verde do rego da Venda.

13 millóns en seis anos

A Deputación leva investidos en Ponteareas nestes seis anos de Goberno 13 millóns de euros, o maior apoio económico da historia da institución no municipio. Tan só con Plan Concellos, Ponteareas recibiu case 6,8 millóns, que se completan con proxectos extraordinarios, adxudicados tamén con criterios regrados, como a reforma do "anel urbano" a través do DepoRemse. Ponteareas executou máis dunha trintena de obras financiadas pola Deputación e foi quen de contratar a 217 persoas con cargo á liña de Emprego do Plan Concellos.

Fotos

Vídeos