Noticias

Twins Experiment pon en Ponteareas o aceno no fogar como escenario da violencia machista a través de "Conversa: cuarto ou morada"

As integrantes de Twins Experiment interactuaron con 130 alumnas e alumnos de centros educativos de Ponteareas que asistiron telematicamente á performance de "Mulleres en acción. Violencia zero"


03 maio 2021
Mulleres en acción. Violencia Zero Ponteareas

Un círculo feito con seis botellas de auga foi o "espazo protector" no que Ainhoa Hernández e Laura Ramírez, as artistas que conforman Twins Experiment, dialogaron cos seus corpos nunha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero" que tivo lugar no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas. Xuntas e a través de Conversa: cuarto ou morada crearon o seu propio lugar, un fogar, escenario da maioría dos asasinatos machistas acometidos, onde evidenciaron as diferentes formas de relación das persoas.

Acompañadas de música, con pezas como Total Eclipse of the heart de Bonnie Tayler, deixando de lado a expresión oral e comunicándose a través de xestos e miradas cómplices, Twins Experiment representaron o que pode producirse nun fogar: dende ser espazo de alegría e respecto ata escenario da máis cruel das violencias. Deste xeito presentouse o fogar como espazo de cariño, respecto, ledicia ou relacións positivas a través dos movementos acompasados e sinérxicos dos seus corpos e xestos e miradas cómplices. Pola contra, amosouse o fogar como o escenario da máis cruel das violencias amosando un corpo sen vida, lembrando aos das oito mulleres que foron asasinadas no que vai de ano por mor da violencia machista. Tamén houbo lugar para representar o enfrontamento, cunha escena que trouxo á mente do público xestos cotiás de maltrato que poden pasar desapercibidos para a sociedade pero que non deixan de ser parte da violencia machista.

Hernández e Ramírez interactuaron tamén coas e cos máis de 130 alumnas e alumnos do CPR da Inmaculada, IES Val do Tea e IES Pedra da Auga de Ponteareas, lanzándolles preguntas relativas a " que pasaría se en vez de pensar como queremos vivir cada unha de nós de xeito individual pensáramos en como queremos vivir xuntas", "como se relaciona a peza coa violencia machista" e "cal foi o papel que xogou a danza" na mesma.

A deputada provincial Vicky Alonso e a alcaldesa en funcións de Ponteareas, María Cristina Fernández, amosaron a súa repulsa total ante as violencias machistas. Alonso, que aproveitou a ocasión para lanzar "unha mensaxe de ánimo" ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e desexar a súa pronta recuperación, destacou que con actuacións coma esta "as mulleres do sector da cultura intentan concienciar a toda a veciñanza" da necesidade de acadar a igualdade á vez que se busca acadar o obxectivo da "Violencia zero". Na súa intervención tamén puxo o foco nas realidade que viven moitas mulleres que ven como a violencia machista chega tamén as súas fillas e fillos e rematou destacando que "temos igualdade de dereitos, merecemos telos e temos que acadalos e conseguir esa igualdade. Debemos poñerlle fin ás violencias machistas que estamos a sufrir".

Pola súa banda, María Cristina Fernández manifestou que a desigualdade que sofren as mulleres é "un grave problema que temos a nivel social, económico e cultural". Esta acción, destacou, tivo "un contido especial con que se puxo de manifesto esta situación, á vez que se sensibiliza e conciencia" sobre a mesma. Para Fernández a peza recordou o sufrimento de moitas mulleres durante o confinamento, cando se "viron obrigadas a convivir co seu maltratador nunha situación que non soamente lle afectou a elas, senón tamén ás fillas e fillos".

Conversa: cuarto ou morada foi a duodécima acción da sexta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero". Para o que resta de 2021 contará con outras 13 actividades en diferentes concellos da provincia ata os que a Deputación levará performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música para reivindicar, dunha vez por todas, o fin da violencia machista.

Fotos

Vídeos