Noticias

Emotiva homenaxe da Deputación ás xogadoras do Club Balonmán Cañiza: "sodes un equipo de campioas, o que conseguistes ten un inmenso valor"

A presidenta resalta o orgullo da provincia polo ascenso á División de Honra de Prata: "Nun pobo pequeno o voso mérito é maior, e xa sodes unha referencia para as nenas"


16 xuño 2021
Recepción Club Balonmán A Cañiza Feminino

Dous anos leva sen perder un partido o equipo feminino do Club Balonmán Cañiza, un extraordinario caso de éxito deportivo nunha vila de 5.100 habitantes do interior da provincia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo render hoxe homenaxe á entidade e particularmente ás xogadoras, que acaban de conquistar por segundo ano o campionato galego en Primeira Autonómica e ascenden á División de Honra de Prata Feminina. "Sodes un equipo de campioas; o que conseguistes ten un inmenso valor e non só nós, senón toda Galicia, debe estar orgullosa", proclamou a máxima responsable provincial na recepción que a institución brindou ao equipo na sede de Vigo.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, o presidente do club, Rubén Fernández, o adestrador, Emilio Barciela, e todo o equipo, capitaneado por Carla Abad e Sofía Álvarez, participaron no acto, no que tamén estaban presentes os deputados e deputadas provinciais Gorka Gómez (Deportes) e Vicky Alonso (Cultura). "A Cañiza é un pobo pequeno, o que supón menos recursos e habitantes, e por iso o que lograstes ten un mérito maior e o éxito acada aínda máis importancia", dirixiuse Carmela Silva ás xogadoras, para felicitar tamén a todo o equipo técnico e directivo e ao rexedor. "O equipo amosa o carácter e o esforzo das mulleres. Grazas a vós a próxima tempada A Cañiza estará presente en moitísimos lugares", resaltou, para lembrar o factor de atracción que exerce o deporte. A isto sumou a relevancia de convertérense en referencia para moitas nenas. "As mulleres precisamos de referentes, e vós xa o sodes para as nenas de A Cañiza e de toda Galicia", lembrou.

O alcalde, Luis Piña, agradeceu á Deputación o seu apoio e explicou que o ascenso supuxo "vivir momentos moi emotivos e de ilusión, grazas a un traballo extraordinario". O rexedor amosouse orgulloso dos triunfos do club e salientou como alicerces do éxito o compromiso das xogadoras, o esforzo da entidade e o apoio social. "O Concello seguirá respondendo e quero invitar á presidenta a asistir a un partido cando rematemos as obras de mellora no pavillón, das que xa temos adxudicado o 50 %", incidiu.

Carla Abad, coordinadora da sección feminina do club, capitana e xogadora, tamén se mostrou "moi orgullosa" de todo o acadado nos dous últimos anos. "Non perdemos ningún partido. Esta tempada vai ser moi complicada, pero confío en todo o equipo", explicou, para agradecer á presidenta a recepción na sede e rematar: "Conseguímolo con moito esforzo, pero se o tivésemos escrito antes non sairía mellor" .

O presidente do Balonmán Cañiza, pola súa banda, eloxiou o compromiso das xogadoras, moitas delas universitarias e que fan un esforzo por adestrar e traballar polo equipo ao máximo nivel. "Non estamos para gañar diñeiro, pero desde logo temos o respecto e o cariño de todo o mundo, e iso é o que nos motiva", resaltou. A presidenta entregou ao equipo e aos seus responsables un agasallo previo á foto de familia coa imaxe de fondo das xogadoras celebrando o ascenso e o lema "Club Balonmán Cañiza é de prata. Elas non teñen límites".

Fotos

Vídeos