Noticias

"Violencia Zero" chega a Culturgal como emblema da Deputación na súa loita pola igualdade "con artistas que moven, removen e conmoven"

A artista Ana Gesto visibilizou coa súa performance a dor e a ferida que xera a violencia machista e a forza e resistencia que require ás mulleres


26 novembro 2021
Violencia Zero en CulturGal

A dor e a ferida social da violencia de xénero simbolizadas na impactante performance da artista Ana Gesto precederon esta tarde no escenario da feira Culturgal á firme e absoluta defensa da igualdade como eixo prioritario e transversal das políticas da Deputación de Pontevedra realizada por Carmela Silva. A presidenta provincial afondou na importancia do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" que incide no "enorme poder transformador da cultura" para concienciar á sociedade "a través da reivindicación que vai da man de artistas que moven, removen e conmoven, un berro que crea redes e que mostra que cada día somos máis". Precisamente fora Ana Gesto a primeira artista en participar no 2015 na I edición do programa coa acción "Nin unha máis". "Hoxe, seis anos despois, dixo Carmela Silva, seguimos a dicir nin unha máis". Pero desde entón, no programa da Deputación desenvolvéronse 135 accións en toda a provincia que permitiron visibilizar a 140 creadoras comprometidas coa igualdade a través de distintas disciplinas artísticas. Propostas que chegaron a un total de 49 concellos, ducias de asociacións e ata 25 centros educativos.

Hoxe en Culturgal, Gesto protagonizou "Acción e variacións para Do de peito" coa que quixo amosar dunha forma clara e dura " a dor que causa a violencia e a ferida que xera, e a forza e resistencia que require ás mulleres, porque a forza tamén está presente nesa idea do do de peito". No percorrido que protagonizou polo Recinto Feiral, foi envolvéndose nunha blusa feita con dúas colchas de catro metros de longo á altura do peito. Os impactantes sons tamén marcaron a dureza desta acción, escenificada nos golpes contra as paredes e o chan, ou co ruído metálico acadado cunhas bolas de xoguete que contiñan ferreñas no seu interior. Gesto define o proceso da súa performance como un látigo, "o que sería un do de peito doído, lastimado".

 A presidenta da Deputación, que nomeou unha por unha ás 25 artistas da sétima edición, "porque o que non se nomea non existe",  presentou a nova edición do programa "un instrumento que chega a todo o territorio, a todos os concellos para provocar unha reflexión colectiva, mobilizar conciencias e visibilizar ás mulleres da cultura". Carmela Silva subliñou que Violencia Zero "entende a emerxencia feminista e tamén a urxencia cultual das mulleres". Por elo, incidiu no lema deste ano "Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!", que contará ata novembro de 2022 cun total de 25 accións (6 performances, 5 espectáculos musicais, 5 accións escénicas, 4 murais, 3 de danza urbana e 2 accións poéticas) noutros tantos concellos. Deles, seis incorpóranse por primeira vez: Fornelos, Rodeiro, Agolada, Oia, Moraña e Covelo, de marcado carácter rural nos que levaranse a cabo accións e obradoiros enfocados directamente ás asociacións de mulleres rurais. Neste aspecto se detivo Carmela Silva para explicar que "se a violencia machista sempre é terrible aínda é máis dura no mundo rural e temos que estar alí". A Deputación tamén distribuirá este ano bolsas de tea deseñadas polas creadoras Andrea López, Eva Fandiño e Nuria Diaz, expertas en deseño gráfico, debuxo e ilustración, e se anunciou un foro de reflexión do sector cultural na Escola de Igualdade María Vinyals, nas que participarán figuras referentes a nivel internacional da arte da acción.

Calendario VII edición

Tralas accións celebradas xa en Pontevedra e Vigo por Alba Soto e Mercé de Rande, en decembro estará en Meaño Eva Comesaña, cun espectáculo de  danza urbana, e en Moraña, Sofía Espiñeira cunha actuación musical, mentres xa en xaneiro haberá dúas accións escénicas con obradoiro nos concellos de Silleda, a cargo de Beatriz Serén, e en Forcarei, con Atenea García. Posteriormente, no mes de febreiro haberá unha acción escénica con obradoiro en Oia con Cris Iglesias, e no concello de Agolada, un espectáculo de música e canto con obradoiro de Esperanza Mara.

"Violencia Zero" continuará en marzo con dúas performances, en Caldas a cargo de Mónica Cofiño e en Moaña con Julia Mariscal, mentres que en abril as protagonistas serán Pilar V. de Foronda, cunha performance e un obradoiro na Lama, e Rakele Cavallo un mural participativo con obradoiro na Guarda. Por outra banda, en maio María José Pulido levará a cabo un mural participativo con obradoiro en Fornelos e Iria Vázquez fará unha performance tamén con obradoiro nas Neves.

Dúas intervencións murais de gran formato chegarán en xuño, con Elisa Capdevila a Redondela e o Dúo Amazonas a Salceda. En xullo celebrarase un espectáculo de danza contemporánea de Esther Latorre en Tui e outro de  música de Flow do Toxo en Meis. Xa en agosto haberá dúas actuacións musicais a cargo de La Teoría de la Nada en Baiona e de Suevia na Cañiza, mentres que en setembro está prevista a acción poética con Andrea Valle en Covelo e o espectáculo de danza cun obradoiro de Myriam González en Barro. Dúas acción escénicas protagonizarán "Violencia Zero" en outubro, a cargo de Cora Velasco en Rodeiro e de Isabel Risco en Cambados e, por último, no mes de novembro pecharase a sétima edición en Vilaboa cunha acción poética a cargo de Alba Cid.

Fotos