Noticias

A Epic Race, escaparate turístico e deportivo da provincia, volve esta fin de semana dobrando inscrición e con ciclistas de España, Portugal e Suíza

Carmela Silva: "É unha aposta por un modelo de turismo sostible: deporte, cultura e natureza; o noso obxectivo é que sexa a mellor proba de BTT afeccionado de España"


31 maio 2021
Epic Race

Todo listo para a realización durante esta fin de semana da quinta edición da Epic Race, a proba afeccionada de bicicleta todo terreo que, ao chegar a esta quinta edición, tense convertido xa non só nunha referencia deportiva, senón nun escaparate turístico da provincia de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe o evento acompañada de Josevi Cimadevila, director da empresa organizadora (Global DXT) e os alcaldes de Moraña, José Cela; Portas, Ricardo Martínez, e Mondariz, Xosé Emilio Barros; así como os concelleiros de Pontevedra, Marcos Rey, e da Lama, Daniel Vidal.

A quinta edición deste desafío ciclista conta un ano máis coa Deputación como principal patrocinador. Un total de 400 ciclistas chegados desde diferentes puntos de España e cunha altísima participación portuguesa tomará a saída este sábado. Este récord de participación, que dobra as cifras anteriores, está integrado por deportistas non só de Galicia e Portugal, senón tamén de Andalucía, Asturias, País Vasco, Madrid, Navarra, Canarias, Cantabria, Castela-León e Estremadura. Os ciclistas portugueses, que son este ano case 50, proceden de todas as rexións do país e mesmo fixéronse dúas inscricións desde Suíza. O prazo está pechado desde hai un mes.

Carmela Silva destacou que a Epic Race, que percorrerá ata 14 concellos da provincia e o territorio xestionado por un centenar de comunidades de montes, encaixa á perfección no modelo de turismo sostible que defende a Deputación ao aglutinar deporte, cultura e natureza nun contorno de gran beleza paisaxística. A presidenta recalcou os valores naturais dunha proba baseada no contacto directo con "paisaxes que son unha marabilla" e definiuna como "a posta en valor dun territorio que é un paraíso, e un paraíso que tamén está no interior, non só na costa". Un evento no que o deporte, a cultura e natureza van da man. Ademais adiantou que a filosofía da Epic Race encaixa á perfección cos proxectos que está a financiar a Unión Europea cos fondos Nex Generation: "Europa entende que o deporte xera economía e atrae persoas aos territorios".

A presidenta da Deputación amosouse abraiada polas cifras de inscrición da Epic Race, que comezou en 2017, froito da colaboración entre Global DXT e a Deputación, con 100 participantes. Xa nos dous últimos anos alcanzou as 200 inscricións e este ano logrou dobrar "e isto non queda aquí!". Tras valorar o incremento constante na inscrición feminina explicou que, desde o principio dixo que esta proba ía crecer de xeito espectacular "e acertamos, tanto a empresa, como os concellos e a Deputación". Diante desta evolución en só cinco anos avogou por fixarse como obxectivo converter á "Epic" na mellor proba do calendario BTT afeccionado de España: "esa é a nosa ambición!"

Silva fixo un recoñecemento "moi sentido" á empresa organizadora á que cualificou como "valente" por non terse botado atrás coas dificultades derivadas da pandemia, nin o ano pasado nin neste, mentres moitas probas deportivas do calendario eran e son suspendidas. Ademais tamén puxo en valor a colaboración da Deputación dos concellos: "somos a provincia onde hai unha maior ligazón dos concellos coa Administración provincial, que está ao seu servizo e este proxecto é un dos moitos que sacamos adiante conxuntamente".

Josevi Cimadevila recalcou o esforzo por garantir a proba, cumprindo o protocolo antiCOVID-19 da Federación Galega de Ciclismo e incorporando medidas propias. A organización realizará un test de antíxenos a todas e todos os participantes, obrigará a utilizar máscara nas estacións de paso e, ademais, embolsará todos os avituallamentos. Destacou que a Epic Race pasa polos termos municipais de Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas e Moraña. Coincidiu con Carmela Silva no avance na participación feminina e destacou que este ano serán 75 as persoas ciclistas que afrontarán a proba de 300 Km en solitario e outras 180 os que pedalearán individualmente os 200 Km.

Daniel Vidal, concelleiro da Lama, agradeceu a oportunidade para a promoción turística do seu concello e tamén o valor deste tipo de probas para animar ás comunidades de montes a manter en bo estado as pistas e sendeiros que usan as e os ciclistas. José Cela, alcalde de Moraña, dixo que unha proba como a Epic Race, "salvando as diferencias porque é unha dura proba deportiva", é un aliciente para apostar pola bicicleta como medio de transporte. Ricardo Martínez, alcalde de Portas, recalcou a importancia de promocionar o deporte en tempos de COVID-19. Finalmente, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, agradeceu o esforzo da Deputación e a empresa organizadora por crear esta proba "e aínda máis por mantela" e agradeceu a visión por "xerar visitantes á nosa contorna natural, entre ela espazos de Rede Natura como as beiras do río Tea".

A carreira estrutúrase en dúas distancias: A Epic Race 300 acumula un desnivel de 8.500 metros, mentres que a Epic Race 200 suma 5.500 metros de desnivel nos seus 200 Km. Ambas as dúas teñen formato non stop e tempos límite de 28 horas e 19 horas respectivamente. Hai categorías masculinas e femininas tanto en individual como en parellas ou equipos. A proba está dividida en 7 etapas coa estación de paso ao remate de cada unha: Pontevedra-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Mos, Mos-Pontevedra, Pontevedra-Portas, Portas-Moraña e Moraña-Pontevedra, que serven para realizar os avituallamentos e facer os controis de paso cos xeolocalizadores. No caso dos equipos serven para a entrega da testemuña. O percorrido non está sinalizado, polo que faise con navegación GPS. A meta e chegada está na avenida de Montero Ríos pontevedresa, fronte ao Pazo provincial.

Fotos

Vídeos

Audios

  • Audio