"TecnoLóxicas", o proxecto de ASIME e da Deputación de Pontevedra para situar a Galicia ao fronte da loita contra a fenda tecnolóxica de xénero

O programa se marca a meta de mentorizar a 100 mulleres para ser emprendedoras e profesionais tecnolóxicas e inserirse laboralmente en empresas do sector


10 setembro 2021
Asime

Situar a Galicia á cabeza da loita contra a fenda tecnolóxica de xénero, xerar unha cultura do talento feminino tecnolóxico para enriquecer o tecido industrial, e dar visibilidade e información para fomentar o número de mozas que elixen carreiras STEAM son algúns dos obxectivos de "TecnoLóxicas", o ambicioso proxecto impulsado por ASIME e a Deputación de Pontevedra que presentaron hoxe a presidenta, Carmela Silva; Enrique Mallón, director xeral da Asociación; e a CEO de Itera Técnica, Lorena Rosende. Un acto no que coincidiron na necesidade de crear co programa "este selo de igualdade de talento na tecnoloxía".

"TecnoLóxicas", que optará aos Fondos Next Generation como programa enmarcado na igualdade como eixo prioritario nos obxectivos marcados por Europa, se presentará con posto propio na Feira MIndTech a próxima semana en Vigo e chega para provocar un impacto real de concienciación e cambio de paradigma social. O programa márcase como meta a mentorización directa de 100 mulleres que serán emprendedoras tecnolóxicas ou profesionais altamente cualificadas para inserirse laboralmente de forma directa en empresas do sector.

A presidenta provincial, Carmela Silva, xustificou a necesidade deste potente proxecto no feito de que as mulleres "non podemos perder o tren, perder a posibilidade de participar na economía e nos empregos de calidade" que anticipa o presente e o futuro vinculado á tecnoloxía. Lembrou que na actualidade, as rapazas apenas se matriculan nas carreiras STEAM, "particularmente nas enxeñerías, e máis nas que teñen que ver coa informática", e que en España hai 6,2 millóns de mulleres sen habilidades dixitais, 634.000 máis que os homes. Todo iso a pesar de que, por exemplo, na Primaria, Secundaria ou Bacharelato, as nenas e mozas acadan mellores notas en materias como Matemáticas e de que hai datos que afirman que "ter en conta a metade do mundo que somos as mulleres podería facer que o PIB de España aumentase nun 15 %. Polo tanto, dixo a presidenta provincial, que as mulleres esteamos na economía dixital, que é xa a do presente, ten unha forte influencia no crecemento económico do noso país".

"Non nos matriculamos nas carreiras que van ter empregos de calidade no futuro, porque o sistema establecido traballa para que non o fagamos, e os datos de actividade na tecnoloxía das mulleres non chegan na actualidade ao 30 %. Pero somos a metade do mundo –incidiu–. Quere dicir que o talento da metade do mundo non vai estar presente, que as mulleres van excluídas do emprego e da actividade económica, porque van ser tecnolóxicos na maioría, e sobre todo os de máis calidade". A presidenta puxo en valor o compromiso que aporta o colectivo empresarial na igualdade. "Se había unha pata que faltaba era o compromiso das asociacións empresariais para xerar ámbitos nas propias empresas que faciliten que as mulleres opten polas tecnoloxías como coñecemento e formación e que as propias empresas aposten por crear produtos tecnolóxicos que respondan ás demandas das mulleres –indicou–. Porque hai moitos produtos que necesitamos para unha vida de máis calidade e que non existen no mercado e que tamén esas mulleres tecnolóxicas poderían crear". Neste senso, fixo fincapé na "sensibilidade" amosada por ASIME á hora de impulsar este proxecto que, segundo indicou, se pretende poñer en marcha no ano 2022, aínda que se non se acada a financiación dos Next Generation nese ano, "o imos presentar no 2023, no 2024 e sempre que haxa posibilidade". "Non imos a renunciar a comezar a dar os pasos porque é urxente –subliñou–. Neste momento non coñezo a ningunha asociación empresarial e ningunha administración que teñan un proxecto tan potente como este. Isto lle da un valor a ASIME, apostar porque ocupemos o espazo que nos corresponde".

Para Enrique Mallón, "TecnoLóxicas" ten unha "sensibilidade especial que nos emociona". "É un proxecto histórico que vai iniciar unha tendencia no que atinxe ao traballo a favor do emprego tecnolóxico feminino e na capacitación da muller no eido industrial e empresarial". En palabras do director xeral de ASIME, marca un punto de inflexión na busca da igualdade ao "partir unha lanza a favor do emprego e talento feminino, algo que é absolutamente necesario, e rachar, polo menos en parte, coa fenda de xénero no mundo da empresa e a tecnoloxía".

Lorena Rosende, unha das impulsoras do proxecto, definiu a súa presenza en "TecnoLóxicas" como "unha honra, un privilexio e unha obriga". A CEO de Itera Técnica, lamentou que os datos de empregabilidade das mulleres no sector tecnolóxico son unhas cifras "dramáticas e, recalcou que cada ano van a peor, algo que é moi preocupante de cara ao futuro posto que os empregos de calidade van a ser tecnolóxicos e estase excluíndo ás mulleres". Rosende falou das iniciativas que xa se están a facer neste eido e resaltou a necesidade de "afondar e de acadar un compromiso coa contratación de mulleres e a creación de referentes nestas empresas", un fito que se acadará co programa "TecnoLóxicas" e que se aportará o "nesgo feminino nalgo tan importante como é a tecnoloxía que convive con nós as 24 hora do día".

"TecnoLóxicas" está baseado en tres piares: a formación, a orientación e a aceleración. No eido da formación con contidos que responden ás demandas reais do mercado para estudantes e tituladas en Rama técnica de FP e carreiras técnicas universitarias. Esta formación será gratuíta e incluirá prácticas en empresas que accederán a un distintivo de calidade e recoñecemento de Responsabilidade Social Corporativa. Na mentorización as estudantes serán tuteladas por perfís técnicos femininos do sector, o mellor incentivo para que as participantes vexan viable e posible acceder ao mercado laboral e desenvolverse profesionalmente. Tamén haberá accións de sensibilización con referentes locais para eliminar os estereotipos sobre o acceso das nenas ás STEM e profesións tecnolóxicas. Finalmente, na última fase se lanzará unha aceleradora cunha selección de 10 proxectos que serán financiados para contribuír á súa viabilidade e farase unha amplo programa de difusión daqueles casos de éxito que poidan xurdir nesta fase.