Noticias

A Deputación anima a acudir á Cañiza a degustar "o mellor xamón do noroeste peninsular" e a gozar da súa paisaxe e patrimonio na festa e todo o ano

Carmela Silva subliña na presentación desta Festa de interese turístico galego, que a vila "soubo usar este evento para ser unha referencia en torno a un produto delicioso"


10 agosto 2021
Festa do xamón da Cañiza

A Cañiza celebra esta fin de semana a festa-feira do seu produto estrela, o que supón unha oportunidade ideal para acudir a degustar "o mellor xamón de Galicia e o noroeste peninsular, incluído Portugal, e un dos mellores de toda España". Así o definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen animou hoxe a visitar a vila do Condado-Paradanta para gozar da súa cociña, paisaxe e patrimonio. "A Festa-Feira do Xamón é un gran atractivo que A Cañiza soubo usar para ser unha referencia gastronómica en torno a un produto delicioso", explicou durante a presentación do evento xunto ao alcalde Luis Piña, o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e concelleiras e concelleiros do goberno municipal.

A degustación popular non se celebrará este ano pola pandemia pero haberá actividades na Cañiza toda a fin de semana. A presidenta animou a visitar a vila durante a festa e en calquera outra data e enxalzou os seus atractivos. "As persoas que veñan van coñecer un pobo fermoso, cada día máis cheo de actividade, e gozarán do seu entorno natural", subliñou Carmela Silva, para engadir que A Cañiza "ten moitos lugares que visitar e valores dos que namorarse, e conta cunha hostelería de altísimo nivel".

Malia as cancelacións que conlevan as restricións sanitarias a presidenta fai fincapé na necesidade de promocionar as festas. "Precisamos estar presentes con moita potencia e facer todo o que se poida con actividades culturais. Cultura, patrimonio, gastronomía, paisaxe e natureza son todo un, e fan que a xente queira vir a coñecernos porque temos moito que ofertar", explicou a presidenta, quen destacou que a Deputación está a facer con este propósito "un enorme esforzo da man dos concellos para que a actividade chegue a todas partes e encher os pobos de vida". A máxima responsable da institución provincial lembra que é posible degustar o xamón e outros produtos gastronómicos nos establecementos hostaleiros de A Cañiza. "Hai locais marabillosos, con grandes profesionais e un produto único. Se queren voltar a sorrir teñen que vir a A Cañiza. Temos o mellor xamón, dunha calidade extraordinaria, que non se corta nin sirve igual en ningún outro sitio. Veñan a gozar deste manxar e doutros grandes produtos da nosa gatronomía", incidiu.

A Cañiza, "terra do xamón"

O alcalde, Luis Piña, lembrou pola súa banda que A Cañiza é coñecida como "terra do xamón" e resaltou as "condicións orográficas excepcionais" da vila para o curado, cun microclima idóneo a 550 metros de altura sobre o nivel do mar. "A experiencia e o capital humano teñen tamén moito que ver no resultado final dun xamón que é o mellor de Galicia e dos mellores de toda España". O rexedor agradeceu a presenza da presidenta, a quen cualificou como "unha amiga da Cañiza, como ten demostrado desde a xestión política", e lembrou que durante toda a fin de semana haberá actuacións musicais, entre elas concertos de Os de Abaixo (o venres), Milladoiro (sábado) e Tamara Pérez (domingo). Tamén será homenaxeado o equipo de fútbol local polo seu 50º aniversario e celebrarase o paseo tradicional dos cabezudos dentro dos actos das festas. 

"Agardo que en 2022 entremos na normalidade e poida regresar a degustación, o concurso de cortadores, o bocadillo xigante e a cata. Este ano que todo o mundo veña a A Cañiza porque en todos os locais poden gozar do noso gran xamón", apostilou o alcalde.

Fotos

Vídeos