Noticias

A Deputación inaugura en Vigo unha innovadora mostra de Isabel Blanco que pón o aceno nos "Espazos Roubados" ás mulleres

A exposición "Espazos Roubados. Subversión!" conta con 13 manequíns femininas que evidencian e denuncian a invisibilización e a escasa participación das mulleres en diferentes ámbitos profesionais


29 novembro 2021

Cunha reflexión de Almudena Grandes comezou Carmela Silva a súa intervención esta tarde na sede da Deputación en Vigo na inauguración de "Espazos Roubados. Subversión!", a reivindicativa e "necesaria" mostra da creadora Isabel Blanco que se poderá ver na sala Rosalía da sede provincial ata o próximo 7 de xaneiro.

"O feminismo impulsou a única revolución social triunfante no século  XX, a única capaz de transformar efectivamente a vida das persoas. Pero a conquista da igualdade xurídica non bastou para implantala na realidade, porque a igualdade non é un concepto relativo, porque non se pode partir, nin se debe negociar con el. As mulleres non aspiramos a ser máis iguais, senón a ser absolutamente iguais, e para logralo, non podemos seguir aceptando que nos traten como a unha minoría cando somos a maioría da poboación, en España e en calquera outro país" . Coa cita de Grandes, falecida esta fin de semana, a presidenta volveu a denunciar na apertura da exposición a invisibilización das mulleres en determinadas profesións e a reivindicar unha maior presenza en todos os ámbitos de actuación. Carmela Silva estivo acompañada pola creadora da mostra, Isabel Blanco e pola actriz e directora Mariana Carballal que foi a encargada de exercer de "particular guía" polo percorrido a través dunha performance.

"Espazos Roubados" está protagonizada por 13 manequíns femininas que evidencian e denuncian a ausencia e escasa participación das mulleres, en pleno século XXI, en diferentes ámbitos como a construción, a música rock, o fútbol americano, a robótica e tecnoloxía, a dirección de orquestra, a dirección de cinema, a política, a extinción de lumes, a mecánica e a automoción, a aviación comercial, ou a astronáutica.  Por elo, na súa intervención, Carmela Silva asegurou que "precisamos poñer o aceno nos espazos roubados ás mulleres para rachar cos teitos de cristal e chans pegañentos que se nos impoñen no eido profesional, laboral e intelectual" e fixo un chamamento "a entrar e protagonizar todos os planos". "Hai profesións totalmente masculinizadas, recordou, cun 80% ou máis de homes exercéndoas e ás que as mulleres non poden acceder en igualdade de condicións"

A mostra remarca así, con paneis e datos, a escasa representación das mulleres na construción onde son o 8,2% das persoas traballadoras; na música rock onde protagonizan menos do 5% dos artigos de revistas especializadas; no fútbol americano, facendo fincapé na "vergoñenta" "Extreme Football League" na que as xogadoras van en roupa interior cun formato sexualizado; na robótica e tecnoloxía, onde só o 29% das persoas que estudan carreiras STEAM e o 19% do persoal investigador en intelixencia artificial son mulleres; na dirección de orquestra, cun 5% de dirección representada por mulleres; na dirección de cinema, na que as mulleres son o 33% das e dos profesionais en España e onde o 19% das persoas directoras son mulleres; na política, con soamente 10 mulleres xefas do Estado e 13 xefas de Goberno;  na extinción de lumes, onde representan un 0,83% do total de profesionais; na mecánica e a automoción, onde as mulleres son o 25,6% das e dos profesionais nas empresas de fabricación de automóbiles e un 19,8% nos concesionarios e talleres de reparación; na pilotaxe de aviación comercial, onde as mulleres representan o 5% do persoal que pilota; na fórmula 1, onde, dende a súa creación en 1950, unicamente 10 mulleres conduciron un coche Fórmula-1; ou na astronáutica, na que só o 10% das persoas que dirixiron naves espaciais foron  mulleres.

Para reivindicar estes "espazos roubados" as manequíns que representan estas 13 profesións amósanse sentadas, en posición de espera e cun traxe que as identifica. Xunto a cada figura feminina hai amais unha fotografía que amosa a realizade e pon en evidencia a ausencia da muller no eido laboral ou profesional fotografado. Amais, as manequíns e fotografías están  acompañadas dunha intervención sonora, da propia Isabel Blanco, na que se afonda nas desigualdades que sofren as mulleres, presentes e evidentes na exposición "Espazos roubados. Subversión!".

Fotos

Vídeos