Noticias

Yara Juncal válese da danza urbana para amosar á mocidade o maltrato a través das relacións tóxicas na nova acción de "Violencia zero" en Lalín

A coreógrafa interpretou xunto a Kevin Juncal e Verónica Aboy a peza "Iceberg" ante alumnado do IES Laxeiro e o IES Ramón Aller, no marco do programa de visibilización das violencias machistas que desenvolve a Deputación de Pontevedra


25 maio 2021
Mulleres en acción. Violencia zero

Amosar de xeito claro á mocidade a identificar unha relación tóxica e visibilizar as terribles consecuencias para as vítimas que exerce este tipo de violencia por parte dos maltratadores foi hoxe o eixe da peza da danza urbana que a bailarina e coreógrafa Yara Juncal protagonizou na praza de Galicia de Lalín na nova proposta do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero". Iceberg, que a artista canguesa representou acompañada do seu irmán Kevin Juncal e de Verónica Aboy, foi seguida en vivo por máis de medio cento de alumnas e alumnos dos IES Laxeixo e Ramón Aller da localidade, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a tenente de alcalde lalinense, Paz Pérez, e representantes de diversos colectivos e asociacións do municipio. Así mesmo, retransmitiuse tamén en streaming polas canles da institución provincial e o Concello.

Yara Juncal dividiu a súa acción, creada exprofeso para "Violencia zero", en oito capítulos ao modo dunha serie, nos que foi abordando as distintas etapas dunha relación tóxica, desde o feliz inicio da parella tras coñecerse nunha festa ata o "poder" final que consigue recuperar a vítima, tralos procesos de rifas, reconciliacións e, sobre todo do "illamento" e "control" e a anulación que lle chega a exercer o maltratador tras afastala do mundo e, en especial, da súa mellor amiga.

A voz de "V", a vítima desta historia, escoitouse na peza a través da narración en off ao inicio de cada capítulo, amosando ao público a evolución dos seus sentimentos ata que, na parte final, consigue saír desa espiral de sombra e liberarse das cordas que a oprimen, non sen deixar patente o trauma sufrido e o feito de que "a vida non será como antes; hai moito por asimilar e hai que perdoarse para que este dolor se transforme en cicatriz". A artista canguesa destacou neste senso na súa intervención que a peza nace do seu traballo como docente, ao igual de Kevin e Verónica, en clases de baile con adolescentes "e queriamos representar as bandeiras vermellas que pode haber para identificar unha relación tóxica".

A deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, animou ao alumnado a "facer unha reflexión conxunta e a sacar conclusións" ao termo da actuación e na aula "para entre todos e todas aportar o grao de area para frear os asasinatos e as violencias machistas que están a sufrir as mulleres; é unha lacra que hai que erradicar". Neste senso, abundou en que as cifras "son alarmantes", con 45 vítimas mortais o pasado 2020 e 14 no que levamos de 2021, "pero tamén hai que incluír unha menor asasinada, e seis menores orfos, porque a violencia machista non só é o feito de facer dano físico ás mulleres". "Hai outras violencias que as mulleres teñen que soportar porque un home crese co dereito de decidir polas mulleres. E debemos reflexionar que as mulleres e os homes, as nenas e os nenos, –engadiu– temos os mesmos dereitos e deberes. E un home non pode decidir sobre cando quitarlle a vida a unha muller, sobre a que sitios pode ir, que pode estudar, como pode vestir ou que accións pode realizar. Somos iguais e podemos facer as mesmas cousas e merecemos ter ese espazo de liberdade sen que se nos xulgue e sen que se decida sobre a nosa persoa".

Alonso, que agradeceu ao Concello de Lalín a súa implicación continua con este programa, incidiu en que "Violencia zero" é un proxecto "cabeceira" da institución provincial que tenta visibilizar as violencias machistas "e mobilizar conciencias" a través das accións protagonizadas por mulleres referentes da cultura galega. "Pero esperamos –concluíu– deixar canto antes de facer estas accións e conseguir esa Violencia zero, que é o obxectivo último deste programa".

Pola súa banda, a concelleira Paz Pérez destacou o traballo que desenvolve a institución provincial, "que é das deputacións que está a apostar no ámbito da igualdade e da muller" e cualificou as accións de "Violencia zero" como "unha clase máis que debe estar presente en todo o calendario educativo". Destacou así mesmo que a "prevención e sensibilización" das violencias machistas a través destas accións "teñen que estar presentes día a día cada vez máis para poñer freo a esta lacra" e resaltou que a loita contra a desigualdade é unha máxima na axenda de traballo do concello lalinense, especialmente impulsadas desde o CIM e a oficina de Igualdade. "Con que só exista unha muller que estea a sufrir acoso é máis que suficiente para que nos mova a traballar –incidiu–. Somos mulleres, pero somos persoas e non imos permitir que ningún home decida sobre o que queremos facer. Esta loita vai ser continua. E aínda que se poida pensar que o slogan de Violencia zero pode ser unha utopía, imos traballar incansablemente para que así sexa". Pérez concluíu animando tamén ao alumnado presente e ás e aos docentes a que estas accións "teñan unha continuidade no traballo nas aulas".

Fotos

Vídeos