Noticias

Co mural "A contradición como potencia" Milu Correch fai en Bueu un chamamento á sororidade dentro do programa "Violencia zero"

Carmela Silva reivindicou a necesidade de tomar o espazo público con accións que visibilicen que as mulleres asasinadas "teñen nome e apelidos"


03 agosto 2021

A importancia da sororidade, de crear unha rede de apoio entre as mulleres e de rachar cos vínculos da violencia machista está plasmada desde hoxe no Centro Social de Bueu grazas a A contradición como potencia, un mural de grandes dimensións realizado por Milu Correch. A artista levou a cabo esta obra no marco do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" e xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e persoas integrantes da Corporación local inaugurou o mural nun acto marcado polo compromiso coa igualdade.

Tal e como acontece en gran parte da obra de Milu Correch, o papel da muller xoga un papel destacado nesta creación na que se amosan dúas figuras femininas abrazadas, arroupándose e apoiándose nunha escena na que se intúe unha situación de vulnerabilidade e abatemento por parte dunha delas. A artista deixa na mirada das persoas espectadoras as distintas interpretacións que esta situación pode ter. Ademais, o mural amosa corpos femininos afastados dos estereotipos e que normalizan e poñen en valor a diversidade nas persoas fuxindo deste xeito dos estereotipos impostos pola sociedade. Durante o seu proceso de creación, Milu Correch estivo acompañada pola veciñanza de Bueu quen se interesou en todo momento pola obra e a quen a artista agradeceu o cariño que lle amosaron durante os días que estivo subida a un guindastre para poder chegar a todos os recunchos da fachada lateral deste Centro Social.

O mural pon de manifesto unha violencia que padecen as mulleres nos seus propios fogares e que "moitas veces é absolutamente inconsciente", afirmou Carmela Silva. A presidenta quixo lembrar ás 28 asasinadas por violencia machista no que vai de ano e puxo a xuño como exemplo dun "mes negro" con nove feminicidios. "Se os asasinatos foran por calquera outro motivo estaríamos na rúa dicindo que é insoportable. Non son cifras, son mulleres con nome, apelidos e fillas e fillos que quedan orfos". Por iso a Deputación levou a Bueu o programa "Violencia zero" cunha acción na que se denuncian e visibilizan "cuestións tan relevantes que afectan á metade da poboación e que hai que levar ao espazo público a través da arte, e axudarnos así do seu enorme poder para provocar debates, cambiar e mellorar". Para a presidenta provincial esta obra "reclama que todas as persoas poidamos ser iguais, felices e vivir en vivir en liberdade sen que haxa ningún impedimento nin violencia que nos free".

O alcalde de Bueu subscribiu as palabras de Carmela Silva ao asegurar que "a forza das mulleres a nivel mundial é algo imparable aínda que segue habendo contradicións na sociedade posto que aos homes tamén nos custa cambiar esas mentalidades nas que fomos educados e coas que medramos". Para Félix Juncal o Centro Social é agora un lugar "transformado que se converteu nun espazo de igualdade" e deixou sobre a mesa a posibilidade de renomear á praza fronte á que se sitúa o mural como "Praza de Igualdade".

O mural inaugurado en Bueu é a décimo oitava das 25 accións da actual VI edición de "Mulleres en acción. Violencia zero", co lema "Emerxencia cultural, urxencia feminista! Ni un paso atrás na loita cara a igualdade". No que resta deste ano haberá outras sete propostas en outros tantos concellos da provincia ata os que a Deputación levará arte, música, accións de danza ou escénicas protagonizados por mulleres para reivindicar o fin das violencias machistas.