O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" propón en Arbo un salto contra a lacra machista dende a poesía de Xiana Arias

Victoria Alonso: "Non esquezamos nunca que detrás das estatísticas e dos números de mulleres asasinadas hai familias rotas e nenas e nenos orfos/as"


14 abril 2021
Mulleres en acción. Violencia Zero ARbo

Coa estrea da acción poética Podo perderme no verde, a artista Xiana Arias escenificou hoxe no Centro Multiusos de Arbo a loita pola igualdade e contra a violencia machista da man do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero", poñendo a énfase na potencialidade da voz humana como vía de saída nunha situación límite. O emotivo acto, que contou coa presenza da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, do alcalde de Arbo, Horacio Gil, e varias concelleiras e concelleiros, estivo aberto ao público xeral e retransmitiuse en directo a través das canles en liña da Deputación e do Concello.

A acción escénica comezou cunha sorpresa, a voz da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que soou no multiusos para definir a Xiana Arias como "un verso libre que permite construír referencias para outras tantas mulleres que son e que serán libres". Para a presidenta a artista é "unha muller que vive na liberdade na que todas construímos a nosa vida. Unha muller que creceu no verde, entre os sons do vento e da auga de mulleres poderosas da Fonsagrada", lugar vinculado ás orixes familiares da propia presidenta. Xiana Arias agradeceu á Deputación que contaran con ela para o programa "xa que Violencia zero pódese considerar un catálogo que amosa a obra das mulleres artistas galegas"

A artista deu lectura en Podo perderme no verde ás constantes recriminacións que sofren as mulleres por facer ou dicir algo no marco dunha relación: "se ti non me respectas e non me escoitas, e ademais fálasme berrando; eu decido non escoitarte a ti e marcho, aínda que sexa mentalmente, a tirarme no prado nun día de sol". A performance escenificou un percorrido teatral que vai involucrando ao público e que remata nun salto consciente (que na obra se identifica coa cor verde). A peza constitúe un repaso pola poética de Xiana que pon de relevo a pegada que deixou na súa escrita o fenómeno da violencia en todas as súas modalidades; así como a mestura dalgúns poemas que escribiu nos últimos dez anos e doutros textos integrados en Ortigas e Acusación.

A deputada Victoria Alonso lembrou que "non esquezamos nunca que detrás das estatísticas da violencia de xénero e dos números de mulleres asasinadas hai familias rotas e nenas e nenos orfas/os, ou mesmo asasinadas/os". A responsable provincial de Igualdade aproveitou a ocasión para lembrar que "ningún home pode decidir sobre a figura dunha muller" e que este programa "intenta mudar as conciencias para mudar así a sociedade". Sobre Xiana Arias falou "dunha muller empoderada que chega a cumprir todos os obxectivos que se propón", e que "como o resto de mulleres da cultura e outros sectores ten que esforzarse día a día, por amosarse un pouquiño máis que os homes".

O alcalde de Arbo aproveitou a súa quenda de palabra para lembrar un crime machista acontecido no concello hai uns anos, que deixou "unha fonda ferida pola perda inxusta, cruel e desapiadada dunha parella no mellor da súa vida". Para Horacio Gil accións como a presentada hoxe "provocan reflexión e removen conciencias, feitos imprescindibles para que se produzan cambios reais na sociedade" posto que entre todos e todas "temos que ser capaces de promover a educación en igualdade e fomentar a actitude crítica contra comportamentos que teñen que ser socialmente reprochados". O alcalde concluíu evidenciando que "queda moito traballo por facer e non podemos cesar ata que esta lacra desapareza e construamos unha sociedade xusta e igualitaria na que a violencia cero deixe de ser obxectivo e se converta en feito".

Está é a VI edición de "Mulleres en acción. Violencia zero", o programa da Deputación que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Para o que resta de 2021 contará con outras 16 actividades, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música.

Fotos

Vídeos