Noticias

Carmela Silva apela en Mindtech á aposta industrial, ás sinerxías público-privadas, á igualdade e á sostibilidade como claves na recuperación

A presidenta provincial felicita á organización pola súa resiliencia: "Mindtech é o pistoletazo de saída á dinamización económica e a creación do emprego no sector do metal, e temos que estar na primeira liña da carreira do futuro"


14 setembro 2021
Feira Internacional da Industria e Tecnoloxías do Metal

"Mindtech vai ser o pistoletazo de saída da política industrial, da economía, da creación de emprego e temos que estar na primeira liña de saída desta carreira de futuro que hoxe comeza aquí". A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe na apertura da Feira Internacional da Industria e Tecnoloxías do Metal (Mindtech) no Ifevi que "a celebración deste potente evento en Vigo, na provincia de Pontevedra, en Galicia" sitúa ao territorio nun lugar estratéxico para falar do avance tecnolóxico vinculado ao sector do metal e da ansiada recuperación económica. "Temos unha grande potencia e temos que seguir a apostar por ser unha grande referencia mundial, e iso vai ocorrer aquí", dixo.

Para elo, como destacou Carmela Silva, son fundamentais "as sinerxías que hai que xerar entre o conxunto das administracións públicas e o sector privado, e máis neste momento, onde vai haber máis recursos públicos que nunca a través dos fondos europeos dos Next Generation que está a xestionar o Goberno de España e que van permitir que poidamos ter financiación para facer a transformación económica que necesitamos". "A política industrial –engadiu- é fundamental para avanzar cando estamos en bos momentos económicos e para resistir cando son peores. Polo tanto, temos que que apostar e dedicar recursos económicos públicos e privados a esa industria que xera coñecemento, tecnoloxía, innovación e investigación. E desde logo o sector do metal é un dos  que se ten construído a través deses novos instrumentos de crecemento".

Xunto a este factor clave, a presidenta provincial citou tamén a sostibilidade e a igualdade. No primeiro caso, "porque o noso planeta  reclámanos que os investimentos que fagamos teñan en conta que o temos que conservar e recuperar" e, no eido da igualdade, lembrou que "a sociedade e a economía non poden perder ese potencial e talentazo que aportamos as mulleres, a metade do mundo".

Mindtech

Neste senso, Carmela Silva agradeceu á organización de Mindtech a súa resiliencia ao apostar por organizar a nova edición da feira a pesar da situación de pandemia, "porque organizala este ano xera expectativas de futuro para apostar polo investimento". Carmela Silva se dirixiu especialmente a Asime pola posta en marcha do proxecto "Tecnolóxicas", que impulsa coa colaboración da Deputación, que se divulgará a través dun stand propio na feira. "Este é un proxecto a curto, medio e longo prazo a través da formación, da mentorización, e da creación de espazos para visibilizar ás mulleres –sinalou-, e para potenciar que poidan aportar tecnoloxía ás empresas. Imos comezar o ano que vén a xerar este proxecto que permita que as mulleres poidan incorporar todo aquelo que amais fai que creza o PIB".

Amais do stand de "Tecnolóxicas", a Deputación de Pontevedra participa activamente na Feira Internacional da Industria e Tecnoloxías do Metal a través dun espazo propio para difundir o programa Smartpeme, no que as e os asesores da rede atenderán ao público, e no que se expón material do FabLab, con exemplos das pezas elaboradas coas impresoras 3D que se están a desenvolver e uns brazos robóticos a pequena escala.

Así mesmo, a presidenta provincial participará de novo na noite deste martes na gala de entrega dos premios Mindtech, na que Carmela Silva fará entrega do galardón da categoría de Responsabilidade Social Corporativa (a partir das 21 horas). Na xornada de mañá mércores, intervirá o deputado provincial Carlos López Font cunha ponencia ás 15.30 horas sobre o "Proxecto IN 4.0. Promocionando a formación de talento e testando novos modelos tecnolóxicos aplicables á industria naval do Espazo Atlántico Europeo". E o xoves 16, día da clausura da feira, Carmela Silva participará desde ás 10 horas na apertura das MIC, as conferencias internacionais de Mindtech.

 

Fotos