Noticias

Versos, fotos e música con Xela Arias como protagonista para reivindicar o galego

Pontevedra acolleu hoxe a estrea da programación da Deputación de Pontevedra para as Letras Galegas, que se estendera durante todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego'


03 xuño 2021
Día das Letras Galegas 2021

Nove mulleres no escenario, cinco músicas de A Banda da Loba e catro poetas galegas contemporáneas, cos retratos de Xela Arias como fondo, foron as artífices do acto realizado hoxe pola Deputación para homenaxear á poeta á que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O espectáculo que tivo lugar na praza da Ferrería foi a estrea da programación da Deputación que se estendera ao longo de todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego'.

No evento estiveron presentes, ademais da deputada de Lingua, María Ortega, como anfitrioa, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, as representantes do Goberno provincial Noemi Outeda, Manuel González e Gregorio Agís, do grupo do PP, Elena Estévez e Paz Lago, así como a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, e integrantes doutros concellos da comarca e entidades relacionadas coa lingua.

Foi María Ortega a encargada de dar a benvida, parabenizándose de que no día de hoxe o tempo permitise o acto –aprazado o pasado 14 de maio pola chuvia– e aproveitando tamén para chamar á xente moza a falar o galego de maneira orgullosa como parte da súa identidade, e para salientar a forza e orixinalidade da obra de Xela Arias, sobre a que a Deputación continuará a programar eventos ao longo de todo o ano.

O espectáculo comezou cun vídeo da propia Xela Arias lendo un dos seus poemas, unha peza moi singular por ser o único documento audiovisual existente dela sobre a súa obra. Despois chegou a quenda da música e da poesía, que se foron alternando de maneira dinámica xirando arredor da obra da poeta.

Na parte da poesía, comisionada por Tamara Andrés, participaron en vivo Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Nuria Vil, e Estíbaliz Espinosa en intervencións performance que buscaban a reflexión do público sobre desigualdades sociais e temas de actualidade.

Na parte de A Banda da Loba, os poemas musicados foron escollidos de entre os catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

As propostas de musicalización que se escoitaron no repertorio foron variadas, desde a transformación dos poemas en cantigas respectando totalmente o texto orixinal da autora –como en Denuncia do equilibrio–, ata composicións dunha letra como a de Tigres coma cabalos, na que partiron de versos e estrofas tomadas deste poemario para engadirlles a propia achega literaria da banda tentando empregar os recursos fónicos, gramaticais e estilísticos propios de Xela Arias, até completar a letra do tema musical.

Segundo explicaron as integrantes da banda, noutras pezas optouse pola liberdade de xuntar algúns dos poemas da autora, como en Darío a dario, o poema do libro homónimo, no que colleron prestados para o retrouso algúns versos doutros dous textos; así como para Hasme oír, no que teñen cabida catro dos poemas de Intempériome, algúns tan breves como Vencerse é cousa/ de se tratar, versos que daban título ao espectáculo poético-musical que Xela estaba a preparar no outono de 2003.

Fotos