Noticias

A Deputación "tende pontes" para un turismo social e sostible no I Foro da Ruta dos Fenicios e ISTO Américas do que é anfitrioa

A institución provincial organizará en 2022 unha exposición "moi potente" en Galicia e outras comunidades autónomas sobre a ruta fenicia


13 decembro 2021
A Deputación exerce de anfitrioa do primeiro Foro Euro Mediterráneo-Américas

A Deputación exerce de anfitrioa do primeiro Foro Euro Mediterráneo-Américas, celebrado hoxe e mañá no Museo de Pontevedra e no que a Ruta dos Fenicios e o capítulo da Organización Internacional do Turismo Social para o continente americano (ISTO Américas), certifican o seu acordo de colaboración en materia turística para intercambiar experiencias, organizar eventos e desenvolver proxectos en común. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, explicou na apertura que "é un honor acoller este acto que xera un lugar de encontro e diálogo intercultural aos dous lados do atlántico", e avogou por "tender pontes" para desenvolver modelos turísticos sociais e sostibles. "Cremos na multiculturalidade, nun mundo que tece redes para compartir valores e principios, que comparte o patrimonio material e inmaterial, que apoia a sustentabilidade e a relación entre os pobos", salientou.

Na apertura do foro, que inclúe charlas e mesas redondas hoxe e mañá ademais dunha visita a varios xacementos arqueolóxicos da provincia, interviron representantes ao máis alto nivel do programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa; da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI); de ISTO e da Ruta dos Fenicios. Carmela Silva lembrou a pegada dos navegantes fenicios na provincia ao subliñar que "hai máis de 2.000 anos aquí relacionábanse dúas culturas: a mediterránea e a atlántica". Así, explicou que eran intercambios "económicos, pero tamén culturais, políticos e sociais, e iso constrúenos como pobo, porque non se pode renunciar ao pasado, que nos permite estar no presente e impulsarnos ao futuro".

A presidenta salientou que "hoxe as viaxeiras e viaxeiros non se moven só para ter sol e praia, senón tamén para visitar os lugares, sentir emocións, vivir experiencias, coñecer a cultura e o patrimonio e relacionalo co que ven noutras partes do mundo". Carmela Silva lembrou a fortaleza do itinerario cultural Ruta dos Fenicios, que conta con 150 institucións de 12 países, entre elas a Deputación de Pontevedra, e salientou a defensa que fai ISTO do turismo social, sostible, accesible, de apoio ao comercio xusto e a calidade de vida, "valores recollidos na Axenda 2030 coa que está comprometida ao máximo a Deputación de Pontevedra, como o demostra en cada orzamento anual".

Exposición

A presidenta anunciou que no 2022 a Deputación organizará unha exposición para difundir o itinerario cultural Ruta dos Fenicios. A mostra percorrerá a provincia, Galicia e outras comunidades autónomas. "Será moi potente, cun enfoque europeo, nacional e local. Damos moita importancia á Ruta dos Fenicios, somos moi conscientes do seu poder de atracción, e queremos promovela", remarcou.

O conselleiro especial do programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Eladio Fernández, felicitou na súa intervención telemática á Ruta dos Fenicios e a ISTO Américas polo seu acordo, e tamén á Deputación por acoller o foro. Fernández destacou que os itinerarios culturais representan unha aportación "moi interesante e orixinal do patrimonio cultural, e son viaxes a través do tempo e o espazo, cabalgan séculos e teñen un fío condutor que nos mergulla en Europa e evita tamén que repitamos querelas do pasado".

Pola súa banda, Natalia Armijos, directora de Cultura da OEI, lembrou que a pandemia ten afectado drasticamente ao sector cultural en Latinoamérica, con pérdidas do 75% no caso do patrimonio, moi vencellado ao turismo. "É moi importante que o patrimonio cultural se reactive e planifiquemos a reacción de cara a reabrir as fronteiras ao turismo. Debemos xerar espazos de reflexión, asistencia técnica e cooperación", explicou, para resaltar que a colaboración entre itinerarios culturais é un instrumento valioso para acadar esta recuperación.

Isabel Novoa, presidenta de ISTO, lembrou por vía telemática desde Suíza que a organización traballa "por que sexa realidade o turismo para todos, solidario e sostible". Novoa destaca que este modelo "xera bonanza e estabilidade económica nas comunidades que permiten a preservación da cultura local", e agrega que "este foro é un primeiro paso para un diálogo que nos permitirá coñecernos e recoñecernos como aliados na construción dun turismo incluínte e responsable".

Elena Tanou, presidenta da Ruta dos Fenicios, amosouse na súa intervención desde Chipre "moi honrada de asinar este acordo con ISTO, que nos abre a novos horizontes". A máxima responsable da Ruta  explicou que o acordo permite conectar aos viaxeiros e viaxeiras a ambos lados do Atlántico e tamén achegar á diáspora europea en América o patrimonio cultural que supón a Ruta dos Fenicios. "Faremos unha cooperación ao máximo nivel", anticipou.

Ratificación do acordo

Trala apertura Antonio Barone, director da Ruta dos Fenicios, e Sergio Rodríguez, presidente de ISTO Américas, interviron para ratificar o acordo. "Queremos crear unha conexión co mundo americano porque ten un patrimonio natural, cultural e humano moi importante", explicou Barone, para engadir que se desenvolverán no marco do acordo "proxectos intercontinentais de colaboración". Rodríguez, indicou que "é importante organizar eventos con este tipo de mensaxes e desenvolver proxectos turísticos con transcendencia na vida das comunidades e na procura das raíces".

Na xornada presentouse un proxecto piloto de turismo social entre ambas institucións e o foro inclúe distintas mesas redondas sobre rutas e itinerarios euro-iberoamericanos, diálogo intercultural e turismo e diáspora, comunidades e turismo.

Fotos

Vídeos