Noticias

A Deputación inaugura na súa sede en Vigo a nova sala de exposicións "Maruja Mallo" cun gran evento de recoñecemento á cultura e ás mulleres artistas

Carmela Silva: "Nesta nova sala Maruja Mallo estarán presentes todas as artes e as mulleres ocuparán o espazo que lles corresponde, terán o foco e estarán no centro"


03 novembro 2021
Inauguración da sala Maruja Mallo na sede de Vigo

Seguindo a estela iniciada na sede provincial en Vigo de poñer nome de muller a todas as salas que a conforman, converténdoas en protagonistas e recuperando o seu verdadeiro papel na historia, a presidenta da Deputación Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, veñen de inaugurar esta tarde a nova sala de exposicións "Maruja Mallo" coa mostra "Muller por muller", comisariada por Rosario Sarmiento.

O espectacular evento cultural, no que se escoitou a música da violinista Ana Shi Yu e da violonchelista Iryna Morozova, da Orquesta 4.30, contou coa participación de máis dun centenar de persoas do tecido cultural, artístico, social e político da cidade entre as que se atopaban nomes tan representativos da nosa cultura e das artes plásticas como Menchu Lamas, Antón Patiño e Antón Pulido, recente Premio das Artes de Galicia, artistas como Ruth Lodeiro e Irene Silva, fotógrafos como Xurxo Lobato e Jorge Lens, a comisaria de arte Elena Bangueses, galeristas como Victor Montenegro ou escritoras como Edurne Baines e Isabel Blanco, amais de Modesto Hermida. O director do MARCO, Miguel Fernández Cid, Bieito Ledo, da Fundación Premios da Crítica, a cineasta Xiana do Teixeiro ou Javier Escobar da Orquesta 4.30 foron outros dos e das asistentes á inauguración, amais de autoridades locais, provinciais e autonómicas, como o delegado da Zona Franca de Vigo, o cónsul de Arxentina, o cronista oficial da cidade, profesorado universitario, empresarias e empresarios, e persoas vencelladas ao mundo editorial, á música e á igualdade. No acto, que contou cunha decoración e iluminación creada expresamente para esta inauguración, presentouse igualmente o catálogo desta primeira mostra, que recolle texto e imaxes das cinco fotógrafas que expoñen a súa obra, amais de textos do alcalde de Vigo, da presidenta da Deputación e da Comisaria Rosario Sarmiento.

Na súa intervención, Carmela Silva recoñeceu o "día tan especial que estamos a vivir para tantas persoas que levan moito tempo traballando para que a Deputación sexa unha grande referencia en algo tan xusto como reivindicar a metade do mundo que somos  as mulleres. A igualdade, dixo, ten que formar parte de todas as accións e non hai traballo mais fermoso que loitar por ela". A presidenta fixo un gran recoñecemento a Maruja Mallo, "a grande artista universal que dá nome a esta sala e que nos pertence a todas e a todos, que pertence ao planeta", e anunciou que "neste novo espazo expositivo estarán presentes todas as artes, onde as mulleres van ocupar o lugar que lles corresponde, o seu espazo, o noso espazo, onde terán o foco e estarán no centro". "Sempre estivemos na cultura, recordou, pero invisibilizadas e non recoñecidas, e sabemos do enorme poder transformador da cultura. Se as mulleres non estamos a cultura e o mundo seguirán coxos"

A presidenta da Deputación, que agradeceu ao alcalde de Vigo a "marabillosa idea" de ceder este edificio para albergar a sede provincial, enxalzou a mostra que inaugura a sala, "MullerxMuller". "Unha mostra feita por mulleres que retratan a mulleres, e contan historias de mulleres". Carmela Silva agradeceu por elo á Comisaria Rosario Sarmiento "a súa complicidade, empatía e bo quefacer", e avanzou que esta mostra "é o inicio dunha andaina dun novo espazo que cada dous meses terá unha exposición, que dará cabida a todas as artes, e que será un espazo democrático aberto ás propostas das e dos artistas". "A cultura ten que ser compartida e cocreada. Temos que escoitar á sociedade porque as ideas cambian o mundo", rematou.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo memoria sobre a historia recente do edificio que alberga a sede viguesa da Deputación ao lembrar como o Concello recuperou o inmoble hai máis dunha década. "Este edificio, no corazón da cidade, estaba en ruínas. Era preciso actuar, empezar a mudar o Casco Vello, e decidimos facer un edificio no que a fotografía recuperara o seu espazo", explicou, en referencia ao proxecto inicial de situar no inmoble un centro de fotografía. "Fixemos un gran edificio, dotámolo de contido e que mellor que unha presidenta para ocupar con visión de muller esa recuperación", explicou, para engadir que "hoxe hai unha gran sede, que acolle unha exposición fotográfica trazada por mulleres, un lugar marabilloso no que combinamos a ambición de como tiñamos que facer a cidade de Vigo". "O tempo, dixo, fraguou o que estamos a vivir hoxe aquí, esta sede tiña que converterse nun espazo para este proceso revolucionario da igualdade cunha forma permanente de presenza"

"Muller por muller"

A exposición "Muller por muller" está integrada por 21 obras de Karen Knorr, Sue Packer, Susan Meiselas, Graciela Iturbide e Cristina García, cinco grandes referentes da fotografía contemporánea internacional que presentan o universo feminino representando ás mulleres como protagonistas dende o cotiá, a proximidade, confianza e a empatía. Deste xeito, a través da mostra, estanse a visibilizar ás mulleres creadoras, artistas, que foron silenciadas e ocultadas nos catálogos e nos museos ao longo da historia e, por outra banda, ponse o aceno nos relatos, contextos e obras artísticas protagonizadas por mulleres.

A Comisaria da mostra, Rosario Sarmiento, que foi a encargada de guiar o percorrido pola exposición, cualificou de excepcional que nova sala leve o nome de Maruja Mallo, "artista referencial para todas nós", e fixo unha sentida semblanza das cinco fotógrafas que ofrecen en "MullerxMuller" unha mirada particular sobre Vigo e as súas mulleres. Sarmiento agradeceu á Deputación "a súa sensibilidade e aposta por poñer en valor ás mulleres artistas e sabemos que esta nova sala é un paso máis nese camiño".

Na exposición poderase apreciar a preocupación de Karen Knorr polo mundo das clases sociais; as imaxes da británica Sue Packer centradas naquilo que pasa desapercibido ou de maneira inesperada; a fotografía documental da americana Susan Meiselas; o continuo diálogo entre imaxes, tempos e símbolos da mexicana Graciela Iturbide ou as pezas cheas de vida, alegría e foza da española Cristina García. Todas as pezas, que se poderán visitar na nova sala de exposicións Maruja Mallo desde este mércores ata o 31 de decembro, foron recuperadas para a ocasión por Rosario Sarmiento da colección do concello de Vigo "Vigovisións", depositada nos fondos do MARCO, recollendo deste xeito tamén a testemuña do importante vínculo que existe entre Vigo e a fotografía.   "Vigovisións" trátase dun proxecto enmarcado na "Fotobienal" de Vigo, unha colección de fotografía contemporánea plural, cosmopolita e ao mesmo tempo próxima baixo a dirección de Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, na que participaron 50 fotógrafas/os de diferentes lugares don mundo (entre as que se atopan Karen Knorr, Sue Packer, Susan Meiselas, Graciela Iturbide e Cristina García) captando a súa maneira de ver a cidade de Vigo na década dos 80 e dos 90.

Fotos

Vídeos