Noticias

O Museo repara unha "inxustiza histórica" e "dálle a Castelao a relevancia que merece" designando oficialmente co seu nome o maior edificio da institución

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera descubriron hoxe o novo rótulo da fachada do ‘Edificio Castelao' na rúa Pai Amoedo


02 decembro 2021
Inauguración da exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921

A Deputación de Pontevedra puxo hoxe en valor a figura de Castelao como unha das figuras máis importantes da historia de Galiza e do Museo de Pontevedra en particular. E fíxoo oficializando o nome de ‘Edificio Castelao' co descubrimento dun rótulo na fachada do inmoble máis grande e relevante dos que posúe a institución museística na cidade. Segundo dixeron tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera deste xeito "dáselle a Castelao a relevancia que merece" e "corríxese unha inxustiza histórica" coa figura do autor rianxeiro.

O acto institucional, centrado na descuberta do deseño do novo nome no exterior do inmoble, completouse logo no interior coa apertura ao público da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' e a entrega ao público asistente dunha edición especial do ‘Álbum Nós'. Esta foi impulsada pola Deputación e a editorial Galaxia para conmemorar a adquisición do orixinal desta obra por parte do Museo a principios deste ano, dende cando está en exposición permanente.

  "Hoxe estamos a vivir un día histórico" afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra. "É de xustiza, un acto de memoria e de lóxica que este edificio do Museo de Pontevedra leve o nome de Castelao porque non poderiamos entender o Museo sen a súa obra ao igual que tampouco a Castelao sen este Museo". Referiuse así Carmela Silva a quen foi un dos fundadores do Museo e membro do seu Padroado e no que, con 2.000 pezas orixinais, atópase a maior colección sobre "este xenial caricaturista, debuxante, pintor, gravador, ilustrador, escenógrafo, novelista, etnógrafo, autor teatral, ensaísta e político".

Tamén puxo o aceno a presidenta en que "non podía haber mellor forma de poñer o nome Castelao a este edificio que facelo inaugurando a mostra "Castelao en Europa. A Viaxe de 1921", que serve de conmemoración do centenario da viaxe polo continente do autor  e detalla  "as experiencias que viviu e que tan fonda pegada deixaron nel". Ademais Carmela Silva quixo aproveitar a ocasión para enxalzar o "compromiso, esforzo, bo facer e profesionalidade" da comisaria, Ángeles Tilve, que "seleccionou con agarimo e como non podía facer ningunha outra persoa todas as pezas que integran esta mostra".

O vicepresidente César Mosquera destacou que a denominación do ‘Edificio Castelao' "dá forma á reparación dunha inxustiza histórica" e "dálle a relevancia que merece" ao escritor rianxeiro, figura chave na historia de Galiza e do Museo de Pontevedra. O nacionalista sinalou, nunha intervención moi reivindicativa, que podía ter sido entendible que durante o franquismo non se recoñecera o papel merecido de Castelao, mais subliñou que "agardar ata 2021 para darlle o seu nome a un inmoble do Museo foi un erro que quitou potencia tanto ao Museo como á figura do propio Castelao".

"Esta nova simbiose entre Pontevedra-Castelao-Museo é beneficiosa e aumentará a proxección de todas as partes", abondou, criticando antigas resistencias, titubeos e voltas dende a inauguración do inmoble en 2013 á hora de apostar por poñer en valor unha figura tan singular e referente. Lembrou que incluso a propia Xunta de Galicia outorgou sen problemas nin oposición o nome de Castelao ás medallas que cada ano distinguen ás persoas máis salientables do país.

Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rey salientou na súa intervención que pechar o ano expositivo do Museo de Pontevedra coa mostra ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' "é un motivo de ledicia e satisfacción. E que a súa programación coincida coa instalación da rotulación que oficializa o nome de Edificio Castelao para o último dos edificios do Museo faino aínda máis emotivo e especial. Sen dúbida permite recoñecer a enorme transcendencia que Castelao tivo na conformación da nosa identidade como país e a súa relevancia para este museo, que custodia a maior parte do seu excelso legado".

Exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921'

A comisaria da exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' Ángeles Tilve explicou que a mostra xorde para poñer en valor aínda máis a figura do artista e conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios,  fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña. Poderase contemplar desde hoxe 2 de decembro de 2021 ata o 23 de xaneiro de 2022.

A exposición estrutúrase en tres grandes bloques, un por cada unha das etapas do percorrido seguindo o desenvolvemento do Diario de viaxe do autor, un extraordinario caderno manuscrito ilustrado, cuxo orixinal se conserva no Museo. Nel, explicou Tilve, Castelao anotou detalladamente as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e os artistas que viu nos museos europeos, nas numerosas exposicións que visitou e nas actividades culturais de todo tipo ás que asistiu durante eses nove meses; tamén as súas vivencias e as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas.

Na mostra exhíbense máis de 250 pezas entre as que, ademais do orixinal do Diario e as reproducións ampliadas dos máis de un cento de debuxos, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto, se atopan tamén outros materiais complementarios como os documentos relacionados coa tramitación administrativa da pensión, correspondencia persoal neses meses, numerosos libros e catálogos que adquiriu nas diferentes cidades que visitou e unha selección de fotografías de algunhas obras de diversos autores que aparecen amplamente comentadas no Diario.

Igualmente móstranse diversos debuxos, apuntamentos e estudos orixinais realizados por Castelao durante este período, algúns deles inéditos, e outras obras moi significativas da súa produción posterior que, conservadas no Museo de Pontevedra e noutras institucións e coleccións particulares, revelan o grande impacto desta transcendental viaxe que permitiu ao artista analizar de forma directa tanto a tradición artística como as vangardas europeas contemporáneas e que propiciaría cambios significativos na súa evolución artística e literaria, na conformación da estética nacionalista e na súa consolidación como guía e inspirador de iniciativas esenciais para o avance da arte e a cultura galegas.

Fotos