Noticias

A Deputación anuncia a creación dunha Film Commission na provincia no foro para analizar as oportunidades do plan España Hub Audiovisual

A Deputación lanzará unha ordenanza pioneira que regulará as rodaxes na provincia e un catálogo de recursos cinematográficos dos concellos


30 novembro 2021
Xornada o audiovisual e a reactivación

As potencialidades de Pontevedra como provincia de película e as oportunidades para a estimulación de rodaxes no territorio que xurdirán do plan España Hub Audiovisual centraron a Xornada O Audiovisual e a Reactivación, coa que a Deputación se converte no primeiro foro de Galicia en acoller da man da Spain Film Commission a presentación deste ambicioso programa, que permitirá o despegue do sector cun investimento na comunidade de preto de 10 millóns de euros. Preto dun centenar de persoas asistiron presencialmente á cita, amais dos centos desde diferentes puntos do Estado que a seguiron por streaming. No Pazo Provincial coincidiron  representantes municipais, do turismo e de todos os eidos do sector audiovisual, como a produtora Emma Lustres ou a directora Chelo Loureiro. A presidenta Carmela Silva, acompañada do presidente da Spain Film, Carlos Rosado, e do presidente do Cluster Audiovisual Galego, Jorge Algora, destacou que o territorio "non vai perder esta oportunidade". "Imos promover, crear redes e impulsar que todo o talento que exista poida conxugarse e esta provincia sexa unha potencia e unha referencia audiovisual". Deste xeito, Carmela Silva anunciou que "recollemos o reto e crearemos unha Film Commission na provincia para sumarnos á rede da Spain Film", e  presentou as primeiras ferramentas que porá a disposición dos concellos: unha ordenanza para autorización de rodaxes e o Catálogo de Recursos Cinematográficos #Pontevedra Provincia.

O presidente da Spain Film Commission, o ente público que xestionará 5 millóns de euros do plan, subliñou o paso dado polo Goberno estatal para incluír a cultura nas políticas panca, "algo que nunca pasara en España", así como o feito de incluír na compoñente 25 do Plan de Recuperación "a conversión de España no Hub Audiovisual de Europa". Carlos Rosado apuntou que "son plans concretos e cuantiosos recursos que converten este momento na oportunidade que ten o país para que a industria audiovisual adquira as ferramentas que lle permitan ter a fortaleza para desenvolverse e ser capaz de competir nun mercado global. Estamos nun momento singular. E esta comunidade reúne todas as condicións para dispoñer dunha estratexia propia, coordinada con todas as demais, para rendibilizar as súas potencialidades".  Agora é o momento de tomar decisións, engadiu, "porque cando fomentamos o audiovisual estamos fomentando o talento local" e, neste senso, avogou pola "acción proactiva" dos e das responsables de organismos públicos do ámbito municipal, provincial e autonómico para estimular as rodaxes no territorio.  "Confiamos en que esta provincia, que ten un currículum de obras que son referencias do bo facer, sirva de exemplo".

Pola súa banda, o presidente do Cluster Audiovisual Galego, Jorge Algora, lembrou que o Hub España Audiovisual ten como obxectivo incrementar nun 30% a produción audiovisual, o que supón "unha oportunidade única e para aproveitala é necesario que todos e todas rememos xuntos", tras citar que neste 2021 o sector galego está a comezar a súa recuperación cara a retomar as boas cifras anteriores á crise, que permitiron facturar 728 millóns de euros no 2018. 

Ordenanza e Catálogo de Recursos

Tras sinalar a necesidade de "sumar sinerxías" para xerar a riqueza que supón o audiovisual, "porque non podo entender que as administracións públicas non sexan capaces de detectar as ferramentas para potenciar este sector, que ten un gran futuro", Carmela Silva deu a  coñecer no marco da xornada os dous primeiros instrumentos que se unen ao inxente traballo dos últimos anos no audiovisual e que sitúan a Deputación como referencia en Galicia: a Ordenanza de autorizacións, gravacións, audiovisuais e rodaxes para os concellos e a redacción dun Catálogo de Recursos Cinematográficos #Pontevedra Provincia dos municipios que facilitará ás produtoras a información sobre os espazos dispoñibles para rodaxes, que estará listo no primeiro trimestre do 2022.

No que atinxe á Ordenanza, regulará a actividade de rodaxe cinematográfica, tanto longametraxes, mediometraxes, curtas, programas de televisión, documentais, anuncios, vídeos, reportaxes fotográficas ou calquera outro produto do sector audiovisual. A norma regulará a obtención da licenza municipal de rodaxe, que abarcará en caso de ser necesario as licencias complementarias de ocupación da vía pública, espazos libres, monumentos ou edificios de propiedade municipal e/ou de prestación de servizos municipais.

O Catálogo de Recursos Cinematográficos porase á disposición das produtoras e da Spain Film Commission a fin de que se calquera empresa necesita un recurso patrimonial o poida localizar sen dificultades. "Esta provincia ofrece marabillosos espazos –apuntou Carmela Silva- e se queremos facilitar e atraer rodaxes, debemos realizar unha promoción planificada. No catálogo vai estar todo aquelo que pode necesitar unha produtora, un creador o unha creadora para desenvolver e contar unha historia".

Xornada

Das oportunidades do Hub falou tamén a produtora  galega Emma Lustres, de Vaca Films, quen destacou que por primeira vez "a cultura en España está no primeiro foco" e a necesidade de aproveitar este momento "porque o audiovisual é a ferramenta de márketing máis importante que temos". Incidiu na necesidade de protexer aspectos como manter a propiedade intelectual da produción, "porque neste ámbito temos que ser os donos dos hoteis, non recepcionistas, e é a clave que nos dá valor a medio e longo prazo". "Atraer investimento estranxeiro a España está ben –apuntou-, pero temos que protexer ao produtor español. Son das que pensa que se se protexe a produción española estase a protexer o emprego e a economía española".

Pola súa banda Chelo Loureiro, directora, produtora e vogal de CIMA que vén de ser nomeada aos premios Goya pola súa película de animación "Valentina", tamén fixo fincapé na importancia "do audiovisual para vender un país", destacou a potencialidade que ten a animación, incorporando "escenarios propios dos territorios, que se identifiquen coa terra". "As películas de animación perduran moitas xeracións e supoñen un proceso de produción máis extenso no tempo e cun maior equipo humano", polo que animou aos territorios "a valorar as posibilidades destas producións".

Na xornada tamén interviñeron Nacho Varela, vogal internacional do Clúster Audiovisual Galego, Teresa Azcona, vicepresidenta da Spain Film Commission, Juan Manuel Guimeráns, coordinador da Valladolid Film Commission e o experto Iñaki Gaztelumendi, para afondar no modo de construír a través do audiovisual un "círculo virtuoso" para impulsar rodaxes que continúen atraendo a persoas de xeito sostible. Tamén incidiron nos retos da provincia no ámbito audiovisual, subliñando as múltiples posibilidades que ten en canto a localizacións , infraestruturas turísticas e sector audiovisual. Amais, fixeron fincapé na necesidade de traballar en rede para "poñer as cousas fáciles ao audiovisual", así como na aposta por converter os contidos propios en produtos universais, no apoio ao sector, na aprobación de ordenanzas municipais e na promoción con recursos propios.

Fotos

Vídeos