Noticias

A Deputación visibiliza o papel que xogan as mulleres dos sector primario coa campaña "Elas son a forza do Nadal"

Carmela Silva defendeu o "papel fundamental que as mulleres xogaron no sector primario ao longo de toda a historia" e animou á cidadanía a mercar e poñer en valor o produto de proximidade


10 decembro 2021
elas son a forza do Nadal

Por terceiro ano consecutivo a Deputación de Pontevedra lanza a campaña "Elas son a forza do Nadal", na que sae á palestra para defender o "papel fundamental que as mulleres sempre xogaron no sector primario ao longo de toda a historia", tal e como afirmou Carmela Silva na presentación desta campaña. Nela estivo acompañada pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e por Susana Aguiar, emprendedora da produción de lácteos na empresa Kalekoi, Natalia Peixoto, viveirista en Figueiró (Tomiño) e Mónica Brey, produtora de mazá de sidra ecolóxica da Estrada. Tres mulleres ás que a presidenta definiu como "o reflexo de que as mulleres seguimos sendo a alma do sector primario".

Elas son parte das nove mulleres que participan na campaña deste ano na que tamén aparecen reflexados os testemuños de Beatriz Molones, redeira en Cangas, Rita Vidal, vicepatroa Maior Primeira da Cofradía de Pescadores de Carril e presidenta da asociación AmarCarril de Turismo Mariñeiro, Andrea Silva, peixeira de baixura na Praza de Abastos de Pontevedra, Maruxa Valverde, propietaria dunha panadería en Nigrán, María Antonia Almansa, presidenta da Asociación Cunicultores Progacun (Rodeiro) e Maika Mougán, agricultura en Hortamanga. Estas seis mulleres non puideron estar presentes no acto por motivos laborais mai si que o estarán na campaña que será divulgada nas redes sociais e medios de comunicación -tradicionais e dixitais- grazas a un audiovisual colaborativo no que aparecen así como vídeos individuais de cada unha das protagonistas da campaña, que ademais contarán cos seus propios carteis, cuñas de radio e reportaxes en xornais.

No acto puido verse en primicia un adianto deste vídeo no que as protagonistas aparecen realizando as súas tarefas diarias entre redes, nunha lonxa, manexando maquinaria agrícola ou nunha panadaría. En definitiva, trátase dun vídeo no que se pode ver a "cada unha das mulleres, en pé, empoderadas e aportando tanto á economía", sentenciou Carmela Silva, e no que tamén se anima ás mulleres a formar parte das directivas e a darse conta da súa valía. "Son nove extraordinarias, fantásticas e potentes mulleres que están comprometidas co crecemento da provincia e eu creo que todas e todos deberíamos darlle as grazas". A campaña ponlle voz a nove mulleres que falan "con paixón do seu traballo, pero tamén do seu territorio e da nosa terra. Non deixen de escoitalas porque unha non soamente sinte orgullo de cada unha delas, sente orgullo de ser da provincia de Pontevedra de ser galega, do traballo e do crecemento que promoven na nosa provincia".

A presidenta tamén se referiu ao produto de proximidade, "as nosas produtoras e produtores traballan unha materia que é recoñecida a nivel mundial pola súa calidade e sostibilidade pero -remarcou- mercamos os produtos sen pensar quen está detrás e nós, dende a Deputación, queremos poñerlle rostro". E por este motivo conxuga a visibilización das mulleres no sector primario coa posta en valor do produto de proximidade. Para Carmela Silva "mercar ese produto é mercar calidade, é desfrutar do mellor e tamén apoiar ao sector primario. Polo tanto esta campaña fala de nós, do que somos e do ben que facemos as cousas e liderado por mulleres o que lle dá un enorme valor engadido".

Susana Aguiar, Natalia Peixoto e Mónica Brey agradeceron á Deputación a súa confianza e a posta en marcha deste tipo de campañas "que non só fan fincapé no sector primario senón que nos axudan a reivindicar o papel das mulleres, que ata o de agora estaba nun segundo lugar". Tamén se referiron ao produto de proximidade "que é marabilloso e que moitas veces non o poñemos en valor como deberíamos".

Audios

  • Audio
    Elas son a forza do Nadal
  • Audio
    Rolda de prensa