Noticias

Denuncia e arte na Peregrina contra o negacionismo da violencia que sofren as mulleres e para que a axenda feminista estea no centro da acción política

Carmela Silva: "Basta xa! Os que negan o sufrimento das mulleres son noxentos e reclamamos que a loita pola igualdade estea no centro, con medidas e recursos para poñer fin a este sistema que normaliza a violencia contra as mulleres"
Miguel Anxo Fernández Lores: "É imprescindible que os homes nos impliquemos nesta loita. A violencia contra as mulleres é a morte de toda a sociedade e aínda que esta pareza unha batalla sen fin, non nos podemos render"


25 novembro 2021
25N - Pontevedra

Arte, acción e denuncia contra todas as formas de violencia contra as mulleres e contra os negacionistas da violencia de xénero. Esta foi hoxe a reivindicación "alta e clara" da programación do 25N da Deputación de Pontevedra, que levou á praza da Peregrina a primeira das accións do programa "Violencia Zero" a cargo da artista Alba Soto. O acto institucional reuniu a alcaldes e alcaldesas da provincia, encabezados polo de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, representantes provinciais, municipais, e de colectivos e asociacións de mulleres amais do numeroso público que se achegou á praza, e no que a presidenta Carmela Silva, volveu amosar a súa indignación por unha situación que cualificou de insoportable e reclamou a "necesidade de berrar moi alto para que a axenda feminista se sitúe xa no centro da acción política".

A creadora multidisciplinar Alba Soto impregnou o escenario da praza da Peregrina do seu máxico universo artístico con imaxes e sons impactantes. Deste xeito, na súa performance Asta en cueva, valeuse de obxectos e vestiarios, como unha máscara negra, mans de home que a envolveron e tetinas que se pegou ao corpo, cos que buscou visibilizar aspectos como o autocoñecemento das mulleres e a súa conexión grupal. A artista definiu a súa intervención, feita diante e dentro da fonte da praza e baixo a escultura dunha muller que ten un león entre as súas pernas, como "unha especie de ritual". "Creo que é moi importante que saquemos  a nosa parte leona, non só de forza bruta ou física, senón de forza interior e toma de conciencia -dixo-. É un ruxido desde dentro pero tamén cara fóra, unha farpa".

Andrea Campos, promotora de igualdade de xénero e filla dunha vítima da violencia machista puxo voz ao manifesto institucional do Concello de Pontevedra e incidiu na necesidade de seguir loitando contra todas as súas manifestacións, desde a violencia vicaria á violencia sexual, a institucional ou a mercantilización dos corpos das mulleres. "A cantidade  de mulleres e crianzas que padecen violencia e permanecen invisibles nas estatísticas é insoportable, dixo, e temos pendente de cuantificar as agresións que sofren os menores no ámbito familiar. O traballo que nos queda por diante é inxente. Temos as ferramentas, só temos que empregalas. Polo presente desas nenas e nenos e polo futuro que queremos construír".

 Tanto a presidenta provincial como o alcalde  puxeron no foco nas alarmantes cifras da violencia de xénero na provincia, en Galicia e no Estado. Tamén no insultante negacionismo. Carmela Silva cualificou de "noxentos" e "cómplices" aos que negan o sufrimento das mulleres e volveu reclamar que esta loita estea no centro da acción de todas as políticas non só con palabras, "senón con medios e recursos". "Non podemos soportar este negacionismo. Temos que berrar alto, porque eses que negan as violencias machistas son cómplices –sinalou-. Carmela Silva apelou directamente a todas as institucións e colectivos: "Grupos políticos, Goberno do Estado, da Xunta, gobernos provinciais e locais, sindicatos, empresarios, poder xudicial, institucións académicas e medios de comunicación, temos que poñer o foco nesta terrible situación. As mulleres estamos fartas, exclamou, e reclamamos que a loita pola igualdade  e contra as violencias estea no centro de todas as actuacións. Non é tempo de declaracións, de minutos de silencio, engadiu, é tempo de berrar, de acción e decisión, de que se loite con recursos para poñer fin a este sistema que normaliza a violencia cruel contra as mulleres".

Tras citar as 37 mulleres asasinadas este ano, as 471 nais vítimas de violencia machista en Galicia con menores ao seu cargo, as 5.700 denuncias diarias ou as seis violacións diarias que se denuncian, entre outros alarmantes datos, Carmela Silva incidiu en que neste 25N "temos que berrar para que esixir que o conxunto da sociedade diga basta xa, e para que os homes se comprometan con outra masculinidade que defenda xunto a nós a igualdade. É a nosa loita e esiximos que a outra metade do mundo, os nosos compañeiros de vida, se unan a nós con feitos. Por elas, por nós, por todas, Basta xa!".

Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a "imprescindible" implicación dos homes nunha loita para acabar coa violencia que sofren millóns de mulleres e as súas crianzas. "Non nos resignamos –destacou-. Temos que esixir que sexa 25N sempre, e poñer a funcionar todo o sistema xurídico, social, lexislativo e policial para evitar que tanta xente siga a sufrir e facer unha sociedade de persoas libres, sans, felices e cheas de vida. A violencia contra as mulleres é a morte de toda a sociedade. Temos que seguir loitando, porque aínda que pareza unha batalla sen fin, non nos podemos render. Adiante coa loita feminista" .

Fotos

Audios

  • Audio