Case 81 millóns de euros en Deza e Terra de Montes en 6 anos, "unha aposta histórica e o maior investimento da historia en cada un dos concellos"

A presidenta provincial Carmela Silva: "Os números non enganan e supoñen un esforzo como nunca se fixo e facemos obras en tódolos concellos, goberne quen goberne"


26 outubro 2021
Silleda
Balance investimentos Terra de Montes

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, rendeu contas dos investimentos acometidos pola institución provincial nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes nunha comparecencia esta mañá en Silleda na que detallou os 80.674.620 euros destinados ao territorio dende o cambio no Goberno provincial, producido hai 6 anos. "Un esforzo como nunca se fixo" e que supón "o maior investimento nestas comarcas e en cada un dos seus concellos na historia da Deputación". "Hai que subir a un coche e contar cantos valados de obras poñen Deputación e cantos Xunta; non hai cor, a comparativa é moi fácil, porque é a Deputación a que está a transformar este territorio". A presidenta, que recalcou que "os recursos públicos non son nin de Carmela Silva, nin de Feijoo, nin de Rueda, senón da xente", explicou que a Deputación pode presentarse no Deza e Tabeirós-Terra de Montes para subliñar que tódolos concellos recibiron financiamento regrado e obxectivo: A Estrada, 15,1 millóns de euros; Lalín, 14,7 millóns; Silleda, 11,3; Vila de Cruces, 6,2; Agolada, 5,5; Rodeiro, 5,6; Dozón, 3,8 e Forcarei, 5,9 millóns de euros.

Silva adiantou que a Deputación se envorcará o vindeiro ano coa recuperación "e con políticas keynesianas" para inxectar liquidez nos municipios. De feito, o Plan Concellos do vindeiro ano suporá 11,2 millóns de euros para este territorio (suma achegas de 2022 e a Liña 1 de 2023), equivalentes a un incremento do 71%, amais do Plan ReacPon ao que tódolos concellos das comarcas teñen concorrido para ter financiación de grandes obras de transformación de espazo público e dotacións ao longo de 2022.

Carmela Silva, insistiu na comparanza entre os modelos dunha Deputación, que cos 165 millóns de orzamento anual apoia a tódolos concellos por igual e asigna recursos con obxectividade, e o "modelo caciquil e clientelar" da Xunta de Galicia, que dispón dun orzamento anual de máis de 11.600 millóns de euros. "Estou avergoñada do que fai a Xunta. O caciquismo e o clientelismo non son propios de demócratas. É verdade que hai concellos deste territorio que están sobrefinanciados porque o modelo da Xunta de Galicia é un modelo antigo. Sorpréndeme que Lalín e A Estrada sumen 23,4 millóns de euros nos orzamentos autonómicos que anuncian para 2022 e que Silleda careza de investimentos máis alá das instalacións propias da Xunta. Parece que nin sequera saben que Ponte Vea está na Estrada e llo suman a Silleda. ¿Será porque o alcalde de Silleda non é da mesma cor política que Feijoo e Rueda?. Estamos fartos e fartas da Xunta. Resulta insultante esta forma de gobernar e hai que opoñerse a ela con rigor".

Balance Plan Concellos: 287 obras, 157 actividades e 790 empregos

O poder transformador do Plan Concellos centrou boa parte da intervención de Carmela Silva, quen significou que dos case 81 millóns de euros investidos, máis de 39 millóns  chegaron a través do Plan Concellos, financiando 287 obras, 157 actividades socioculturais e a creación de 790 empregos temporais para "manter a flote" servizos municipais que, doutro xeito, tería sido imposible prestar diante dos recortes impulsados polas "leis Montoro" "que impediron aos concellos cubrir as vacantes". A presidenta afirmou que "na Estrada non hai vía rural ou urbana que non fora financiada pola Deputación (case 4,4 millóns de euros en pavimentos de vías rurais e urbanas), ademais da modernización dos equipos para a recollida de lixo (máis de 685.000 euros)". En Lalín citou a Ronda Norte, con 502.000 euros e os 428.854 euros para pavimentacións deste ano. En Silleda detívose nos 605.000 euros que este ano achega a Deputación para pavimentacións, o acondicionamento das Pedrosas (200.00 euros) ou a rede de calor con biomasa (163.317 euros).   En Vila de Cruces lembrou os máis de 1,2 millóns de euros investidos en proxectos de melloras de camiños e os 471.000 euros de pavimentacións deste ano. En Rodeiro citou tamén as melloras de camiños rurais (case 390.000 euros) e a urbanización da praza de Oseira (313.646 euros). En Dozón aludiu aos camiños mellorados con máis de 1,4 millóns de euros. Finalmente, en Forcarei parouse nas obras do campo de fútbol das Maleitas (céspede artificial e iluminación con máis de 310.000 euros) ou a previsión de urbanizar rúas no Outeiro deste ano. "Resulta imposible relatar as 287 obras... alguén coñece outra Administración que teña financiado 287 obras?", preguntou Carmela Silva.

Os plans extraordinarios da Deputación, todos eles convocados en concorrencia competitiva, supuxeron a achega de 2.456.826€ para financiar 5 grandes obras. No Plan DepoRemse (mellora de espazos municipais para garantir seguridade viaria) entraron Silleda (448.552 para a contorna do Centro de Saúde e Centro de Maiores) e Vila de Cruces (435.835€ para a contorna do CEIP, gardería e pavillón). No Plan de Reequilibrio para dotacións municipais puntuaron Silleda (2ª fase da reforma do campo de fútbol de Bandeira, con 706.137€), Forcarei (reforma de albergue para ximnasio, con 312.000€) e Rodeiro (mellora do ximnasio para adaptación á normativa, con 354.302). Finalmente, co Plan Ágora de recuperación de espazo público municipal finánciase o proxecto da praza da Feira e rúa Ulla na Estrada con 100.000€, en fase de licitación.

35 proxectos executados ou en execución nas estradas provinciais

O investimento provincial no último sexenio na rede de estradas  de Deza e Terra de Montes aproxímase aos 13 millóns de euros. Un total  de  35 proxectos, en execución ou en trámite, permitiron mellorar os case 474 Km repartidos polas 84 estradas provinciais destas comarcas. Carmela Silva puxo os exemplos das vías Silleda-Ponte, Callobre-Ponte Ledesma, Castro-Dozón, Cachafeiro-Silleda, Soutolongo-Doade ou Agolada-Cruces. Ademais avanzou que en breve executaranse obras en Couso-Barcala (A Estrada), Prado (Lalín), Soutelo de Montes e xa están en marcha as obras na Carixa (Cruces).  "Facemos obras en tódolos concellos, goberne quen goberne, tamén nas infraestruturas das estradas provinciais, algo que tampouco acontece coa Xunta, que ten preferencia coas estradas autonómicas que coinciden cos gobernos locais do PP". A presidenta fixo fincapé no financiamento dos Plans de Mobilidade Sostible (PMUS), que cualificou como "unha extraordinaria idea" materializada nestes anos na medida en que hoxe eses PMUS son a portada de entrada aos fondos europeos existentes e próximos, como os Next Generation. Os concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei aproveitaron esta oportunidade brindada pola Deputación. Ademais, referiuse aos 52 redutores de velocidade (badéns) e aos 35 pasos de peóns elevados instalados na rede provincial de estradas.

10,5 millóns investidos polos Servizos provinciais

As achegas dos diferentes servizos provinciais nestes 6 anos totalizan 10,5 millóns de euros, entre os que Carmela Silva destacou os  435.000 euros en subvencións achegados nas 414 subvencións xestionadas por Igualdade. Ademais dos 390 cursos do programa Conectadas. A área de Cohesión Social subvencionou a 39 as entidades de iniciativa social con 157.097 euros e un total de 11.067 persoas participaron en programas de lecer e integración social. A Deputación achegou 1, 8 millóns para financiar os Servizos Sociais comunitarios dos concellos (agás os de máis de 20.000 habitantes), 289.600 euros en axudas de emerxencia social para familias vulnerables e 31.418 euros para atender ás 102 persoas que dispoñen de teleasistencia. O servizo provincial de Emprego fixo posible a sinatura de 288 contratos a través dos programas de Práctica Labora, O Teu Primeiro Emprego, Practicum Depo e DepoIntegra Xoven. Na área de Turismo, a Deputación cun investimento de 1,5 millóns de euros, puxo fin ao modelo único de sol e praia e apostou tamén por un turismo sostible de interior. Ademais de integrar na rede InfoRías Baixas as oficinas de Silleda e A Estrada apostouse pola Rapa das Bestas, a Feira do Cocido e por patrimonio e paisaxe con produtos como a ruta dos mosteiros (Carboeiro e Aciveiro) ou a ruta das camelias (Pazo de Oca). Silva cualificou a ruta da sidra como "un exitazo" e propúxose reforzala aínda máis. Ademais, amosouse orgullosa do alcance do vídeo da campaña Fame de Experiencias, que colleitou 14 premios en festivais internacionais e foi considerado a mellor película de promoción turística mundial. Nesta peza, as/os produtoras/es de Deza e Terra de Montes tiveron especial presencia. Dende a área de Cultura investíronse preto de 880.000 euros en 1.229 actividades culturais "para democratizar a cultura para que non só estea nos grandes concellos". Finalmente, a área de Deportes, repartiu case 680.000 euros en subvencións a 77 clubs e a 7 deportistas de élite cada ano, ademais de financiar a celebración de 48 actividades e/ou competicións deportivas e 6 DepoEscolas.

Apoio ao tecido empresarial e o sector agrogandeiro

Carmela Silva puxo tamén o acento no apoio ao sector primario, a través dos convenios asinados con 48 cooperativas agrogandeiras para repartir 663.000 euros, así como o financiamento á Semana Verde (un total de 1.050.000 euros nestes 6 anos) e as fundacións Campo Galego, Vento  Noso, Odega e ADF para a eficiencia enerxética das explotacións ou a produción de variedades ecolóxicas e/ou autóctonas de castañas e mazá. Neste capítulo referenciou tamén os 9,5 millóns de euros que foron a parar á finca de Mouriscade para levar a cabo "un radical e trascendental cambio na xestión, reforzando a investigación e os servizos de analítica que se prestan".

O apoio ao tecido empresarial incluíu os 582.089 euros investidos no Viveiro de Empresas de Lalín, "que cando chegamos estaba parado e sen capacidade" e no programa SmartPeme, toda unha referencia que converteu á Deputación na única de toda España que promove o avance tecnolóxico e dixital das pemes. Un total de 567.000 euros fixeron posible que 69 empresas avanzaran na economía que se move a través da competitividade dixital, varios anos antes do xurdimento dos fondos Next Generation. Pero tamén os concellos, explicou a presidenta, beneficiáronse do avance tecnolóxico, pois os 9 municipios da comarca contan hoxe con administración electrónica "e cando chegamos xa había unha lei que obrigaba a funcionar con ela, pero non había nin recursos económicos, técnicos nin humanos para cumprila". Despois de formar a 517 traballadores/as e cargos públicos municipais, hoxe é unha realidade. Así como o Padrón electrónico do que xa dispoñen Agolada, Forcarei, Lalín e Silleda, que son os concellos que aproveitaron a oportunidade brindada pola Deputación.

A Deputación tamén achegou no último ano 347.350 euros á Deza, Tabeirós-Terra de Montes para facer fronte á pandemia da COVID a través de recursos ordinarios e extraordinarios do Plan Concellos, así como subvencións específicas dos servizos de Cohesión Social e Igualdade. Unha axuda fundamental para contrarrestar "o abandono da Xunta de Galicia, de quen os concellos teñen recibido 0 euros, a pesar de que a propia Xunta recibía centos de millóns extraordinarios do Estado".

A presidenta rematou o seu balanzo pormenorizando as achegas da Deputación ao sistema de emerxencias de Deza e Terra de Montes, que totalizan un total de 2.902.498 euros nestes 6 anos. O consorcio provincial de Bombeiros absorbeu 2.266.499 euros; o GES da Estrada, 397.499 euros e o GES de Lalín, 238.500 euros. Neste punto, Silva fixo outra reflexión preguntándose se non sorprende a ninguén que os GES estean case sempre en concellos nos que goberna o PP. "Debe ser que non hai máis territorio", ironizou antes de argumentar que se a base do Consorcio está en Silleda, moi preto de Lalín, quizais debería pensarse, en termos de cobertura territorial, en Agolada ou Dozón, por exemplo.

A presidenta provincial, lembrou que cando Rafael Louzán era presidente da Deputación os GES financiábanse a un 60% pola Xunta, a un 20% pola Deputación e a un 20% polo concello sede. "Chegamos nós á Deputación de Pontevedra e a Xunta baixou a súa achega ao 52,5% e subiu ás das deputacións ao 40% (o dobre), e reduciu as dos concellos (maioritariamente do PP) do 20% ao 7,5%". "O único esforzo que hai a maiores nos GES nesta provincia é da Deputación", recalcou, "así que se a Xunta quere aumentar as dotacións paréceme estupendo, pero tamén lles digo que o financien, que recuperen o seu 60% porque a Deputación dobrou a súa achega e xa non pode facer máis esforzo".

Vídeos