Noticias

A área de Pontevedra recibiu case 68,3 millóns € da Deputación nos últimos 6 anos e disporá doutros 11,6 millóns para impulsar a recuperación durante 2022

Carmela Silva: "Trátase do maior investimento realizado na comarca e en cada un dos concellos garantindo que a xente, viva onde viva, teña asegurados dereitos e servizos"


29 decembro 2021
Combarro

Un investimento histórico que alcanzou os 68,3 millóns de euros resume a aposta da Deputación pola área de Pontevedra durante os últimos 6 anos, é dicir dende que Carmela Silva preside a institución provincial. Así o confirmou hoxe Silva durante o almorzo informativo celebrado en Combarro (Poio) e no que fixo balance do que cualificou como "o maior investimento realizado na comarca e en cada un dos concellos garantindo que a cidadanía, viva onde viva, poida ter asegurados os seus dereitos e servizos". O impulso continuará durante o ano próximo gracias á aprobación do Plan Concellos bianual e á convocatoria do plan extraordinario de obras Reacciona Pontevedra (ReacPon) que, en total, o que, en total, vai significar a chegada doutros 11,6 millóns de euros á area pontevedresa.

Carmela Silva deu conta diante dos medios informativos de que Poio, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Cuntis, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moraña, Barro, Portas e Campo Lameiro contarán en 2022 coas achegas regradas do Plan Concellos bianual (2022-23) que ascenderán aos máis de 8,4 millóns de euros e, ademais, os sete proxectos que lograron subvencións do ReacPon suporán a achega doutros 3,1 millóns de euros de recursos provinciais. "Trátase novamente dun investimento como nunca antes se fixera dende a Deputación de Pontevedra, que vai permitir facer fronte ás consecuencias da covid e que os concellos poidan impulsar políticas inversoras", asegurou Carmela Silva.

A presidenta concretou durante a súa comparecencia os proxectos que se van impulsar no marco do ReacPon como a implantación da mobilidade sostible nas rúas Saíñas e da Puntada de Poio, que recibirá unha subvención de 753.600 €; a mellora da contorna do río Bermaña de Caldas de Reis (492.825 euros de achega provincial); a reordenación da praza de Frei Antonio Orge de Ponte Caldelas (419.872 euros); a reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús de Cuntis (496.933 euros), a reforma da Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade (391.992 euros), o reforzo da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga da Lama (412.034 de fondos provinciais) e, finalmente, a humanización da rúa 6 e do camiño do núcleo de Mos en Moraña (outros 176.498 euros).

Unha Administración líder en transferencias aos concellos

"Esta Deputación, destacou a presidenta, aposta por destinar recursos á transformación dixital, á cohesión territorial e social e a fomentar a transición ecolóxica na provincia de Pontevedra cara un novo modelo de economía. Síntome orgullosa de que esta provincia sexa unha referencia, de que destine o 35% do seu orzamento a transferir recursos aos concellos, dobrando a media do Estado, que queda no 18%. Os datos están aí e falan por si mesmos, serven para amosar o compromiso da Deputación con tódolos concellos da provincia, goberne quen goberne".

Neste último balance ofrecido por Carmela Silva, que xa rendeu contas polo resto das comarcas da provincia, recalcou o impacto do Plan Concellos, creado en 2016 para financiar en base a criterios obxectivos a tódolos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. O Plan repartiu 35,6 millóns na área de Pontevedra e fixo posible a execución de 400 obras, 214 actividades culturais e a contratación de 853 persoas desempregadas para prestar servizos municipais e paliar así os efectos da "lei Montoro". A presidenta subliñou algunhas das actuacións desenvolvidas a través da liña 1, de investimentos, que permitiu que Poio puidese acometer a mellora e rehabilitación do campo de fútbol da Seca (479.250 €), a reforma do edificio da finca de González Besada (551.079 €) ou as contornas do Camiño do Casal, da travesía da Seara e das rúas Lameiriña e Caneliñas (742.954 €); en Caldas levouse a cabo a construción de vestiarios e pozas da futura estación termal da Tafona (344.460 €) e un total de 12 grandes proxectos de saneamento (máis de 1,9 millóns de euros); Ponte Caldelas impulsou humanizacións na avenida de Vigo e de Galicia (221.147 €) e a mellora da seguridade viaria na estrada de Vilarchán (144.972 €); Cuntis levou a cabo oito obras de saneamento no rural (458.850 €) e reparación de ata 55 pistas rurais en oito parroquias (149.951 €); Cerdedo-Cotobade reformou o edificio da antiga Escola de Carballedo (182.374 €) e ampliou e reformou o Centro Sociocultural de Corredoira (142.000 €); Moraña levou a cabo 15 obras de pavimentación no rural (1.119.079 €) e a senda peonil na estrada autonómica no tramo Alberguería-Santa Margarita (124.398 €); A Lama creou un novo local social en Peso (155.113 €) e acondicionou a Casa do Concello (180.000 e); Barro acondicionou un local social (60.000 €) e as antigas escolas de Agudelo e Cangrallo (84.547 €); Portas construíu unha depuradora de augas residuais de leito bacteriano no lugar da Estación (212.790 €) e Campo Lameiro unha zona húmida artificial para tratamento das augas residuais e saneamento en Paredes (110.000 €) e unha depuradora de Laxe en Fragas (83.516 €).

A presidenta puxo énfase no impacto dos plans extraordinarios aprobados ao longo destes últimos seis anos, todos eles adxudicados en concorrencia competitiva e que supuxeron un impacto acumulado de preto de 8 millóns de euros. Destacou as achegas de máis de 2 millóns de euros en fondos europeos para iluminación sostible e proxectos de mobilidade sostible que chegaron a todos e cada un dos concellos desta comarca. O plan DepoRemse, pensado para a seguridade viaria en espazos públicos municipais achegou aos concellos da comarca máis de 1,6 millóns de euros e do que se beneficiou Poio, que mellorou a seguridade viaria na zona da Seara e o complexo deportivo da Seca (500.000 euros); Cuntis, que reforzou a seguridade viaria no polígono industrial da Ran (499.163 euros); Cerdedo-Cotobade que fixo o propio no núcleo de A Chan-Carballedo (227.712 euros); A Lama, que tamén optimizou a seguridade viaria no municipio (68.202 euros) e, finalmente, Campo Lameiro, que peonalizou o camiño que comunica a Casa do Concello co Centro de Saúde na Chanciña (348.268 euros). En paralelo, o Plan de Reequilibrio chegou aos concellos de Caldas, para construír o edificio da Escola de Música (794.000 euros); ao de Ponte Caldelas para humanizar a praza de España (305.699 euros) e, finalmente, Moraña, para converter o antigo Mercado de Abastos nun centro cultural multiusos (711.263 euros). En canto ao plan Ágora, que ten como obxectivo recuperar o 50% do espazo que ocupan os vehículos para as persoas, achegou 250.000 euros para redacción de proxectos urbanos en Poio, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Portas.

13 millóns de euros para executar 59 obras nas estradas provinciais

A área de Infraestruturas investiu un total de 13 millóns de euros para executar un total de 59 proxectos nas 59 estradas provinciais da comarca. Destacan as obras na estrada de Portosanto a Campelo (EP-0601) en Poio onde se fixeron dúas actuacións valoradas en 2.012.119 euros e 495.594 euros respectivamente para a súa humanización e consolidación do muro no paseo litoral. En Ponte Caldelas executouse a senda peonil e mellora da estrada entre o núcleo urbano e Parada (EP-0206), con 226.089 de investimento.  En Cerdedo-Cotobade levouse a cabo a reestruturación do espazo público no núcleo da Chan (Carballedo) con 519.326 euros e, finalmente, están moi avanzadas as obras da praza de San Amaro, en plena traza do Camiño de Santiago, en Barro con outros 303.282 euros. Tamén destacou a presidenta a actuación de mellora da seguridade viaria na EP-8405 A Portela-Couselo e  na EP-8401 A Portela-Souto de Vea en Cuntis, cun investimento de 224.578 euros; a estabilización de terraplén na EP-0018 Xeve-Amil de Moraña, con 222.139 €; o ensanche dunha perigosa curva e a mellora da seguridade viaria na EP-0307 Peso-Caroi na Lama, cun investimento de 940.182 € e as obras de mantemento por valor de 240.000 € no concello de Campo Lameiro. A aposta pola seguridade pasou tamén polas obras do Plan Móvese, incluíndo a execución de 151 redutores físicos de velocidade e 31 pasos elevados, así como a subvención de sete Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) en sete concellos da área pontevedresa.

En canto aos fondos europeos, un total de 2.056.582 euros chegaron aos tódolos concellos da área para financiar actuacións de iluminación exterior sostible, cambiando a tecnoloxía led as lámpadas obsoletas, iluminación de Bens de Interese Cultural ou substitución de caldeiras con alto impacto contaminante por instalacións de biomasa.

11,8 millóns dos servizos provinciais

O resto de servizos provinciais achegaron un total de 11,8 millóns en subvencións, actuacións propias ou programas en tódolos ámbitos da axenda pública nos últimos seis anos. Así a área de Igualdade deixou un total de 476.013 euros en, entre outras iniciativas, 253 achegas a concellos e colectivos da contorna.

Dende Cohesión Social repartíronse 121 subvencións a entidades do terceiro sector. Tamén se financiou o 50% da teleasistencia que se presta en todos os concellos da comarca menos A Lama, achegáronse 3 millóns de euros a todos os concellos da área para financiar os servizos sociais comunitarios e destináronse 614.900 € para axudas de emerxencia social. O investimento total deste servizo provincial na área de Pontevedra alcanzou os 4.123.940 euros.

O servizo de Emprego fixo posible a celebración de 149 contratos e bolsas e neste tempo pasou do antigo plan de Práctica Laboral ao programa O Teu Primeiro Emprego, que dignifica as condicións dos participantes ao ofrecerlles contratos formais e remunerados en base aos convenios. O investimento total para todo elo foi de 1.259.476 euros.

A área de Turismo fixo posible con 884.582 euros o impulso do festival PortAmérica, que forma parte do selo Rías Baixas Film Fest. Tamén se avanzou na escavación, estudo e promoción do xacemento de Castrolandín (Cuntis) e ocupouse de promocionar o patrimonio desta comarca. Ademais garantiu o funcionamento de 8 oficinas da rede de información turística Rías Baixas.

Dende Transición Ecolóxica investíronse 362.317 euros para subvencionar ao sector primario con axudas á Confraría de Pesca San Gregorio de Raxó e as cooperativas Viña Moraima e Almirante (de Barro e Portas). Tamén se fixo posible a creación de ata 5 parques forestais nos concellos de Poio, Barro, A Lama, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade.  Pola súa banda, o programa provincial Revitaliza, referencia no tratamento do lixo orgánico, cobrou forza en Poio, onde se investiron 297.780 euros.

A acción cultural supuxo preto de 1,7 millóns de euros que permitiron organizar ata 1.221 actividades a través dos concellos, colectivos e a propia Deputación. Musigal, o programa que democratiza a música levando concertos de primeiro nivel a tódolos concellos tivo 32 eventos con artistas como Tanxugueiras, Treixadura, Xavier Díaz, Sés, Susana Seivane, A Roda, Guadi Galego, Leilía, Budiño, Andrea Pousa ou Óscar Ibáñez. Neste ámbito a presidenta Carmela Silva subliñou que "somos a administración que máis aposta pola cultura de toda Galicia xa que cremos que é un elemento dinamizador fundamental da sociedade, que xera actividade económica e emprego. Por iso queremos democratizalo e facer que chegue a todos os lugares da provincia".

O servizo provincial de Deportes canalizou 724.000 que permitiron subvencionar a ata 347 clubs e deportistas individuais, 13 Escolas Deportivas e impulsado 35 actividades e/ou competicións deportivas. "Somos a administración que máis recursos destina a deportes nesta comarca da provincia de Pontevedra", asegurou a presidenta Carmela Silva.

O departamento de Novas Tecnoloxías transformou a vida administrativa dos concellos cun investimento acumulado de preto de 180.000 euros, que permitiron que os 10 concellos teñan hoxe Administración electrónica para tramitar dixitalmente os expedientes e que 5 conten con padrón electrónico.

Finalmente, subliñou a presidenta as axudas impulsadas pola Deputación de Pontevedra para paliar as consecuencias da covid que achegaron 425.136 € aos concellos da comarca. "Pese a non ter competencias sanitarias, en economía e comercio, destinamos recursos a través de varias liñas para axudar á hostalería e ao comercio, así como para favorecer a conciliación e facilitar que os concellos puidesen prestar axuda ás persoas  máis vulnerables".

A comparecencia de Carmela Silva en Poio para dar conta dos investimentos realizados na área de Pontevedra pon o punto final á xeira de almorzos informativos ofrecidos na cidade de Vigo e as comarcas do Deza-Tabeirós-Terra de Montes, Arousa, Valmiñor, Baixo Miño, Condado-Paradanta e O Morrazo, completando así a totalidade do territorio provincial.

Vídeos