Deputación e concello da Illa dan o pistoletazo de saída á transformadora reforma da avenida Castelao

Carmela Silva: "O proxecto responde á necesidade de recuperar o que un día ocuparon os vehículos como donos absolutos do que é noso. A reforma vai quedar espectacular, vai ser un cambio transcendental para a Illa"


13 agosto 2021
Obras Illa de Arousa

A Deputación de Pontevedra e o concello da Illa deron esta mañá o pistoletazo de saída á transformadora reforma da Avenida Castelao que vai mudar por completo unha das principais rúas da Illa. "O espazo público é un dereito das persoas e este proxecto responde á necesidade de recuperar o que un día ocuparon os vehículos como donos absolutos do que é noso" asegurou a presidenta Carmela Silva xunto ao alcalde Carlos Iglesias na presentación do proxecto de urbanización e recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao. A reforma, que conta cun ambicioso orzamento de preto de 1,2 millóns de € dos cales a Deputación achega máis de 810.000 € e o concello preto de 350.000 €, "vai quedar espectacular, vai ser un cambio transcendental para A Illa", remarcou a presidenta.

"Levamos moito tempo traballando neste proxecto, somos moi valentes, transformadoras e transformadores, revolucionarias e revolucionarios, e estamos cambiando para transformar, para mellorar a vida da xente", asegurou Carmela Silva. Para a presidenta, a reforma da Avenida de Castelao vai permitir que a cidadanía recupere "de forma natural" o espazo, favorecendo a seguridade peonil, "que non é unha cousa menor", no marco da aposta da institución provincial pola mobilidade amable, "que embelece moito os territorios e dinamiza a economía xa que, cando facemos estas actuacións, os baixos comerciais recuperan a vida". Ademais, a reforma que se vai acometer nesta avenida da Illa ten tamén unha estreita relación co respecto ao medio ambiente, ao reducir as emisións de CO2 e apostar por iluminación eficiente.

Do mesmo xeito se pronunciou o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, quen a cualificou como "importantísima para o desenvolvemento urbano da vila amplamente demandada pola veciñanza". O alcalde, quen enxalzou a estreita relación coa Deputación nos últimos seis anos e puxo en valor actuacións como a remodelación das casas modernistas ou o náutico da vila, subliñou que a reforma permitirá pasar "dunha rúa principal no casco urbano anquilosada no pasado a outra renovada adaptada á mobilidade do século XXI".  Neste eido, Iglesias destacou que nestes momentos a avenida "xera moitos problemas tanto para a circulación rodada como para o uso peonil e ciclable, ao non haber orde preestablecida". Na actualidade a Avenida de Castelao ten dous carrís, un para cada sentido de circulación, zona de estacionamento en liña na marxe esquerda da estrada e beirarrúas en ámbalas marxes. Tamén dedica a maioría do espazo público ao vehículo motorizado, sen itinerarios peonís, cuns anchos e unhas calidades non axeitados para tratarse dunha zona que se atopa no centro urbano, que é moi frecuentada por peóns ao existir edificacións consolidadas e baixos comerciais en ámbalas marxes da avenida.

O proxecto de urbanización, recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao da Illa enmárcase no modelo transformador que a Deputación está a espallar pola provincia, priorizando ás persoas e traballando para a protección dos colectivos máis vulnerables. O principal obxectivo da actuación é espallar a mobilidade universal nun espazo continuo de seguranza viaria de calidade no centro urbano da Illa, realizando un cambio de prioridade co fin de impulsar a mobilidade peonil por diante doutros modos de transporte. Deste xeito a reforma garante a accesibilidade universal na totalidade da actuación, con itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos e con plataforma única sobreelevada de prioridade peonil (na zona onde o ancho non permite realizar itinerarios peonís segregados dos vehículos).  Amais, deseñarase unha vía de única dirección cara a Avenida da Ponte, cun carril central de formigón coloreado en cor grafito de ancho 2,7 para uso do tráfico rodado e haberá sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (velocidade máxima de 20 km/h). O proxecto inclúe tamén un aparcadoiro de 18 prazas en batería e xardineiras, árbores e mobiliario urbano moderno e de deseño. Amais contempla a variación das redes de fecais e pluviais existentes, melloras en servizos urbanos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e a execución dunha nova rede de abastecemento e unha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento.

Vídeos