Noticias

A Deputación de Pontevedra "levanta" neste #8M unha fronte feminista de mulleres "inquebrantables" coa acción artística de Celeste Garrido

Carmela Silva: " Xa non queremos máis discursos, Axenda feminista xa. A igualdade se defende no DOG e no BOE e aí a queremos. Queremos normas que nos permitan ser libres, iguais e con todos os dereitos"


08 marzo 2021
8M

Unidas en sororidade "e coa enerxía de todas xuntas", as mulleres amosamos un "Feminismo inquebrantable" co que vencer ás violencias machistas e ás desigualdades que nos seguen a ameazar. Esa foi hoxe a mensaxe da acción artística, da creadora Celeste Garrido, coa que a Deputación de Pontevedra conmemora un 8M diferente, pero "máis reivindicativo que nunca", e coa Axenda feminista no centro da acción. Así o destacou a presidenta, Carmela Silva, quen berrou alto e claro que "o feminismo é inquebrantable e non imos dar ningún paso atrás, porque defendemos a acción política máis potente que existe, a da igualdade". "O mundo, ou é igualitario ou non haberá futuro –afirmou–. E ninguén vai rachar as nosas ás, porque estamos dispostas a voar". Ao acto, na explanada exterior do Pazo provincial e no que se repartiron máscaras de "Violencia zero" e camelias brancas en homenaxe ás pioneiras do sufraxismo, asistiron deputadas de todos os grupos da Corporación, así como a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco, ademais de traballadoras da institución provincial.

Celeste Garrido instalou xunto á escalinata do Pazo a primeira liña de batalla dunha fronte feminina en forma de 12 grandes figuras de madeira de cor branca, a cor da paz, atacada por grandes esferas de cor violeta coas mensaxes das lacras machistas: a violencia de xénero, a fenda salarial, a fenda nos coidados, o sexismo, a cousificación, o teito de cristal, a prostitución ou os ventres de alugueiro. Nos seus rostros lucían máscaras violetas coas que a artista quixo reflexar non só o momento de pandemia, senón tamén a ausencia dunha multitude na praza. Non obstante, o espírito das manifestacións estivo presente na peza de audio que sonou durante o acto, "Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos", coordinada por Ticiana Ghiglione Darriba e creada exprofeso con frases e consignas de mulleres sobre a igualdade.

A presidenta, Carmela Silva, fixo seu o título da acción artística e destacou que "somos herdeiras das mulleres que nos deixaron un camiño feito e que deixaron incluso a súa vida para que hoxe poidamos ter dereitos. Hoxe estamos xuntas, fortes e empoderadas –berrou–, esixindo o que é noso porque somos a metade da poboación. Esiximos a Axenda feminista xa. As mulleres xuntas poderemos cambiar o mundo para nós, para eles, para as nosas fillas, para os nosos fillos". Insistiu en que "precisamos do compromiso de todas e todos co feminismo, aínda que hoxe a palabra é nosa. Por elas, non permitamos ningún paso atrás". Silva lembrou que esta pandemia da COVID-19 está a deixar ás mulleres incluso en "peores condicións" do que o fixo a crise do 2008. "De novo aumenta a brecha salarial, e de novo as mulleres estamos a realizar o 75 % dos coidados, ao mesmo tempo que mantemos a nosa actividade profesional –explicou–. De novo máis do 90 % do traballo parcial o facemos nós, as mulleres, porque temos que seguir ao fronte de todos os coidados. E de novo as cifras do desemprego son maiores para nós". "As mulleres estamos fartas, sinalou, xa non queremos máis discursos. Non queremos a xente no ámbito da política cada 8 de marzo saíndo a dicir que defenden a igualdade. A igualdade se defende no DOG e no BOE e aí a queremos. Queremos normas que nos permitan ser libres, iguais e con todos os dereitos".

Na súa intervención, Celeste Garrido explicou o significado da acción. "Se nos mantemos unidas desde a sororidade e desde a enerxía de todas xuntas para loitar en pro da igualdade, venceremos". Fronte ao xogo dos birlos, estas figuras, dixo, "son imbatibles, porque pola súa estrutura non permiten que por moitos golpes se vexan tombadas, senón que sempre se van volver a levantar para loitar desde o feminismo contra a lacra do machismo e o patriarcado". A autora concluíu amosando a necesidade que "non baixar a garda" e seguir loitando sempre "para que a igualdade sexa factible".

Carmela Silva tamén se referiu ás manifestacións do 8M para destacar que este ano non iremos ás concentracións porque "se alguén entende a importancia de coidar a saúde somos nós". "Pero ollo, que ninguén se equivoque –afirmou–. Este 8M somos máis reivindicativas que nunca, porque a situación é peor neste 2021. Non imos calar, ninguén nos vai deter". Nese senso, puxo de manifesto que onte en Madrid houbo "centos de hinchas de dous clubs de fútbol concentrados e ninguén botou as mans a cabeza". "Sen embargo hai dirixentes políticos criminalizando as concentracións de mulleres –sentenciou–. Non imos ir este ano, pero nos negamos rotundamente a que se criminalice ás mulleres. Hai seis manifestacións ao día en todo o Estado español e as culpables somos nós? Xa está ben".

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco, incidiu en que "calquera ataque ao feminismo é un ataque ao sistema democrático e aos nosos valores". "O feminismo –afirmou– é unha loita de séculos e temos moito feito, pero falta moito por facer. E remato co lema do Concello deste ano, feminismo para cambiar o mundo".

Fotos

Vídeos