Noticias

A denuncia da violencia machista, a loita contra o negacionismo e a reclamación da axenda feminista marcan o 25n da deputación en vigo

Carmela Silva: "Non é tempo de palabras ou minutos de silencio, é tempo de berrar, de acción, de medidas e recursos para poñer fin a este sistema que normaliza a violencia cruel contra as mulleres. Reclamamos que se priorice xa a axenda feminista que esta aparcada"


25 novembro 2021
25N Vigo

As bágoas que provoca a violencia machista como sinal e alerta e o empoderamento posterior para saír do dramático bucle das múltiples formas de maltrato que sofren as mulleres estiveron hoxe moi presentes no acto central do 25N da Deputación en Vigo, coa performance protagonizada esta tarde pola artista Mercé de Rande no Museo MARCO. A acción da creadora viguesa do programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero" serviu de plataforma para a denuncia da "intolerable" situación das violencias exercidas contra as mulleres, nun acto no que a presidenta provincial Carmela Silva volveu poñer o foco "nos noxentos negacionistas" e na necesidade de volver situar a axenda feminista no centro de todas as políticas "con medidas e recursos, xa non con minutos de silencio, palabras ou declaracións das que estamos fartas".

Ver/Cada/Bágoa foi o título da impactante performance da artista viguesa Mercé de Rande, na que a través de tres accións quixo amosar aspectos como a falsa idea do amor romántico, a dependencia e o desapego e, sobre todo, na necesidade do autoanálise por parte das mulleres para detectar situacións de violencia "e buscar en nós recursos para empoderarnos fronte a ela". A acción incluíu a creación dunha instalación con obxectos como as bágoas, xoguetes como as matrioskas ou un oso.  "Ten que ver con ese concepto patriarcal, esa frase que nos teñen dito millóns de veces de non chores –explicou-. Sen embargo, se nos permitimos chorar é onde imos conectar coa nosa alma e vainos indicar que por aí algo non está indo ben. É un primeiro aviso que amais é liberador. Non só liberamos esa emoción, senón que se a analizamos, detectamos que non estamos no lugar adecuado e podemos rectificar".

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou o paso do tempo por estas sete edicións xa de Violencia Zero, e recordou "como ao principio nos miraban con estrañeza cando decidimos ocupar o espazo público, prazas, rúas ou centros educativos co poder transformador da arte e da cultura en pro da igualdade e da loita contra as violencias machistas. E aquí estamos". A presidenta provincial puxo o foco nas alarmantes cifras da violencia de xénero e na necesidade de seguir loitando contra esta lacra en todas as súas manifestacións. "37 mulleres asasinadas este ano en España, 1.118 desde 2003, 1253 casos activos de violencia machista na provincia e delas 471 nais con menores que viven esa situación terrible, 4000 casos de mulleres en alto risco en Galicia, ou que cada catro horas se denuncie unha violación en España, seis cada día". "¿Pódese consentir con estes datos, preguntou, que alguén negue que hai violencia contra as mulleres polo feito de ser mulleres?".  "O negacionismo, afirmou, é noxento e agora non só están organizados, agora xa están nas institucións".

Carmela Silva volveu reclamar que esta loita estea no centro da acción de todas as políticas "pero non só con palabras senón con medios e recursos, Temos que berrar alto, porque eses que negan as violencias machistas son cómplices"–sinalou-. Apelou directamente a todas as institucións e colectivos: "grupos políticos, Goberno do Estado, da Xunta, gobernos provinciais e locais, sindicatos, empresarios, poder xudicial, institucións académicas e medios de comunicación, temos que poñer o foco nesta terrible situación". "As mulleres estamos fartas, exclamou, e reclamamos que a loita pola igualdade  e contra as violencias estea no centro de todas as actuacións. Non é tempo de declaracións, de minutos de silencio, engadiu, é tempo de berrar, de acción e decisión, de que se loite con recursos para poñer fin a este sistema que normaliza a violencia cruel contra as mulleres. Reclamamos que a loita pola igualdade estea no centro, que se priorice xa a axenda feminista que esta aparcada.".

Carmela Silva finalizou cun chamamento á cidadanía. "Temos que berrar para esixir que o conxunto da sociedade diga basta xa, e para que os homes se comprometan con outra masculinidade que defenda xunto a nós a igualdade. É a nosa loita e esiximos que a outra metade do mundo, os nosos compañeiros de vida, se unan a nós con feitos. Por elas, por nós, por todas, Basta xa!". 

Fotos

Vídeos