Noticias

A Deputación de Pontevedra achega preto de 750.000 € ó concello de Vigo para a promoción dos recursos turísticos da cidade

Carmela Silva manifestou que a través deste convenio se pretende promover o aeroporto de Peinador pola súa capacidade de impulso do turismo e da economía nas Rías Baixas


28 set 2016
convenio vigo
Convenio Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron esta mañá un convenio, enmarcado no protocolo de colaboración entre ambas institucións, a través do cal o organismo provincial achega preto de 750.000 € para poñer en valor os recursos turísticos do concello de Vigo e o seu entorno, así como establecer medidas de apoio para a realización de actividades que contribúan á divulgación da oferta turística.

Para a Deputación de Pontevedra o turismo é un obxectivo estratéxico pola súa incidencia na economía provincial. Por tal motivo, o convenio asinado esta mañá que regula o réxime de colaboración entre o concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para o financiamento dos servizos de promoción turística de Vigo e das Rías Baixas en mercados turísticos vinculados coas rutas aéreas Vigo-Valencia, Vigo-Palma e Vigo-Ibiza contribuirá á xeración de riqueza e desenvolvemento económico das Rías Baixas.

Ó respecto, Carmela Silva subliñou que "é un convenio moi importante para a Deputación porque o aeroporto de Vigo é unha infraestrutura fundamental para a provincia de Pontevedra, para todo o sur de Galicia, ben para o desenvolvemento do turismo na provincia, ben para o impulso de oportunidades económicas, de negocio e de empresa na mesma".  Neste contexto, a través deste convenio entre a Deputación e o Concello de Vigo preténdense realizar actuacións co obxectivo de atraer turistas de diferentes perfís e segmentos, centrándose principalmente no turismo de escapada (citybreaker), negocios, cultural, familiar, xuvenil, gastronómico e de eventos e reunións.

A presidenta da Deputación recordou que, ademais do convenio asinado esta mañá para o fomento do turismo por valor de preto dos 750.000 €, xa se puxeron en marcha outros convenios ó longo do ano en Vigo como o realizado para apoiar á UNED (por valor de 800.000 €) ou o das humanizacións no rural vigués (por 1 millón de €). Silva engadiu que "somos a administración que máis achega a un dos grandes eventos desta cidade, O Marisquiño (180.000 €) e sacamos xa a contratación a modernización e rehabilitación do pavillón de Beade (máis de medio millón de €), aportamos máis de 2 millóns de € ó deporte vigués, centos de miles de € a colectivos sociais da cidade e levamos investido en Balaídos máis de 6 millóns de €". Neste contexto, a presidenta anunciou máis investimentos en Vigo ó longo deste ano e manifestou que "estamos a cumprir con esta cidade sen abandonar ó resto de concellos da provincia, que tamén están a recibir máis achegas das que recibían co anterior goberno da Deputación".