Consulta pública previa

Ordenanza reguladora da actuación e funcionamento electrónico da Deputación de Pontevedra



Servizo responsable da iniciativa:

Secretaría Xeral

Estado actual:

Pechada

Prazo para a remisión de consultas:

Do 09 ao 23 de xullo

INFORMACIÓN SOBRE A NORMA

Antecedentes:

O Pleno da Corporación provincial, na súa sesión ordinaria do día 31 de outubro de 2014, aprobou inicialmente o Regulamento de Administración electrónica da Deputación de Pontevedra, que foi elevado a definitivo e publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 8 de xaneiro de 2015.

Este Regulamento tiña por obxecto o desenvolvemento dos dereitos establecidos no artigo 6 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, entre os que destaca o dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos para acceder aos servizos públicos e para a tramitación dos procedementos administrativos. Así mesmo, regula outra serie de contidos de especial interese e oportunidade, atendendo ao momento da súa aprobación e á normativa vixente daquela.

Mais é precisamente o profundo cambio desta normativa o que obriga a abordar unha profunda revisión dos seus contidos que aconsella, de feito, a elaboración dun novo Regulamento. Neste sentido, a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, representan un novo escenario normativo actualizado para consolidar a Administración dixital nas administracións públicas. A regulación básica do procedemento administrativo común declara a tramitación electrónica como a forma ordinaria de xestión dos expedientes, así como o uso transversal de medios electrónicos nas relacións entre as administracións públicas e entre estas e a cidadanía. Xeneralízase así o uso de medios electrónicos en toda a actividade administrativa. Cómpre salientar que a primeira das mencionadas entrou en vigor na súa plenitude o 2 de abril deste ano.

O Real decreto 203/2021, de 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, que desenvolve todos os aspectos relacionados coa actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos previstos nas dúas leis de cabeceira nesta materia (as anteriormente citadas Lei 39/2015 e 40/2015).

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A esixencia dun instrumento regulamentario despréndese dos requirimentos da normativa aludida para determinados fins, e a súa conveniencia dos actuais e posibles futuros contidos do propio Regulamento. Así, a modo de exemplo:

  • Para o establecemento como obrigada da relación por medios electrónicos con esta Administración de determinados colectivos
  • Para a actualización da regulación do rexistro electrónico, cuxa creación se efectuou polo Regulamento aínda en vigor e require dunha disposición de carácter xeral (art. 12 da Lei 39/2015)
  • A posible atribución doutras funcións ás Oficinas de Asistencia en Materia de Rexistros, máis alá das previstas por lei (art. 40.3 j)
  • Regular o Punto de acceso xeral electrónico da Deputación de Pontevedra, que recollerá todos os servizos electrónicos da Administración provincial e da Carpeta cidadá

Obxectivos:

A aprobación dunha nova provincial permitirá, entre outras:

  • Dotar dun marco normativo actualizado que, desde unha perspectiva transversal, permita dar coherencia á actuación global en materia de Administración electrónica
  • Considerar, dentro do marco normativo xeral en materia de Administración electrónica, a aplicación dos principios reitores da intervención pública das administracións públicas na Deputación de Pontevedra. Neste sentido cabe lembrar os de neutralidade tecnolóxica, accesibilidade, usabilidade, interoperabilidade, proporcionalidade, personalización e proactividade, todos eles definidos no art. 2 do R. d. 203/2021
  • Efectuar as necesarias remisións e adaptacións á actual normativa en materia de protección de datos
  • Avanzar na asistencia á cidadanía para a realización de trámites electrónicos; a asistencia específica que lle permita ao funcionariado da Deputación, habilitado para o efecto, concluír actuacións en nome das e dos interesados, iniciar expedientes de apoderamentos apud acta, notificacións por comparecencia (coa creación dos rexistros de empregadas e empregados públicos precisos para o efecto); facilitarlles ás persoas interesadas os códigos de identificación dos órganos, centro ou unidade administrativa á que se dirixe; poñer á disposición das persoas interesadas os modelos que permitan a presentación simultánea de varias solicitudes, así como os modelos normalizados existentes, incluídos aqueles de uso obrigatorio
  • Ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos a través dos cales a cidadanía e as entidades locais coa Deputación de Pontevedra
  • Dispoñer de servizos dixitais facilmente utilizables e accesibles de modo que se poida conseguir que a relación da persoa interesada coa Administración sexa fácil, intuitiva e efectiva cando use a canle electrónica

En definitiva, un novo marco posibilitará o incremento da seguridade xurídica, contribuíndo a mellorar o servizo á cidadanía, a imaxe institucional da Deputación de Pontevedra e a confianza, así como a mellorar a comunicación cos Concellos, o que redundará nunha mellor prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos da súa competencia.

Rango da norma:

Ordenanza.

O artigo 4.1.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local establece que na súa calidade de administracións públicas de carácter territorial e dentro da esfera das súas competencias, corresponde, aos municipios, provincias e illas, a potestade regulamentaria e de autoorganización.

E a atribución vén conferida ao Pleno, conforme dispón o artigo 22.2.d) da citada Lei reguladora das bases do réxime local que lle confire a aprobación do Regulamento orgánico e das Ordenanzas.

O procedemento para a aprobación das ordenanzas locais ha de axustarse aos trámites
previstos no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Última modificación: martes, 21 setembro 2021