Consulta pública previa

Regulamento de utilización das instalacións e espazos da nova sede da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo



Servizo responsable da iniciativa:

Asistencia Intermunicipal e Contratación

Estado actual:

Pechada

Prazo para a remisión de consultas:

31/7/2020 – 14/8/2020

INFORMACIÓN SOBRE A NORMA

Antecedentes:

Situada na emblemática rúa Eduardo Chao, no corazón do Casco Vello, a nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo inaugura unha etapa da institución provincial caracterizada pola súa maior presenza na urbe olívica e pola intención inequívoca de reforzar lazos coa cidadanía e cos colectivos sociais da zona sur de Pontevedra.

O seu funcionamento pretende reflectir os principais valores que defende a actual Corporación provincial: promover a igualdade de oportunidades entre os diferentes colectivos sociais, manter un claro apoio ao emprendemento e á dixitalización das empresas, loitar por visibilizar o talento feminino da provincia e ser un imparable axente de dinamización cultural.

O novo inmoble recupera a memoria de figuras femininas históricas cuxa contribución ao desenvolvemento da ciencia, á arte ou á consecución de dereitos sociais foi invisibilizada e, ao mesmo tempo, pon en valor a contribución á sociedade actual de figuras contemporáneas que rompen as barreiras da desigualdade: Susana Rodríguez Gacío, Rosalía de Castro, Maruja Mallo, Ángeles Alvariño, Rosario Hernández Diéguez e Dorotea Bárcena danlles nome ás distintas salas que conforman o inmoble como homenaxe ao seu traballo e como lembranza de tantas outras mulleres que, a pesar da súa brillantez, foron silenciadas no tempo.

Na programación de actividades da nova sede estará presente, por exemplo, a Cátedra de Feminismos 4.0 na que se colabora coa Universidade de Vigo e a Escola de Igualdade María Vinyals, entre outros moitos programas provinciais coma os vinculados á mocidade ou á promoción do deporte de base.

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo tamén se configura como un espazo para a cidadanía, e daralle acubillo a todo tipo de expresións artísticas e actividades realizadas en colaboración co tecido asociativo, o sector empresarial, a comunidade universitaria ou colectivos que traballan para garantir os dereitos sociais de igualdade.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Debido á demanda existente de espazos para poder desenvolver os numerosos proxectos e actividades das diversas asociacións é necesario regular a cesión de uso e utilización dos espazos da nova sede da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo polos diferentes colectivos a través deste regulamento.

As súas diferentes salas poñeranse á disposición do movemento asociativo co fin de recoñecer e facilitar o seu labor no desenvolvemento artístico, social e cultural da provincia.

Tendo en conta o anterior, a razón de interese xeral que xustifica esta iniciativa normativa e a súa necesidade é o fomento da participación cidadá, como factor esencial do progreso social a todos os niveis e consagrada constitucional e legalmente.

Obxectivos:

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo configúrase como un espazo para a cidadanía que lle dá cabida a todo tipo de expresións artísticas e a actividades realizadas en colaboración co tecido asociativo, o sector empresarial, a comunidade universitaria ou colectivos que traballan para garantir os dereitos sociais de igualdade.

Para iso, poñeranse á disposición do movemento asociativo as súas diferentes salas co fin de recoñecer e facilitar o seu labor no desenvolvemento artístico, social e cultural da provincia.

Rango da norma:

Regulamento

Descargas:

Memoria de elaboración do regulamento (pdf)

Última modificación: xoves, 11 novembro 2021