Consulta pública previa

Modificación da Ordenanza reguladora da compostaxe local para os biorresiduos municipais do plan REVITALIZA



Servizo responsable da iniciativa:

Asistencia Intermunicipal

Estado actual:

Pechada

Prazo para a remisión de consultas:

Dez (10) días hábiles. Do 5 ao 18 de marzo

INFORMACIÓN SOBRE A NORMA

Antecedentes:

A Deputación de Pontevedra impulsa desde o ano 2015 un plan de residuos municipais baseado na compostaxe, que se denomina Revitaliza.

A súa razón de ser é tentar cumprir, e incluso superar, os obxectivos fixados na normativa europea, na estatal e na autonómica en canto ás porcentaxes de residuos municipais previstos, reutilizados ou reciclados, dentro do obxectivo xeral de usar de forma eficiente os recursos.

Neste sentido, no artigo 22 da Lei estatal 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, estipúlase a obrigatoriedade de que antes do 2020 "a cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización e a reciclaxe das fraccións de papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos ou outras fraccións reciclables deberá alcanzar, en conxunto, como mínimo, o 50 % en peso".

Cómpre ter en conta, ademais, que a Unión Europea xa estableceu a obriga de compostar en orixe ou recoller separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023. No ámbito autonómico galego a recentemente aprobada Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados, incorpora como obriga para os concellos a implantación, no mesmo horizonte temporal (antes do 31 de decembro de 2023), da recollida separada dos biorresiduos no servizo de xestión de residuos municipais.

Co Plan Revitaliza téntanse aplicar, ao máximo posíbel, os principios fixados no paquete lexislativo derivado da Directiva marco de residuos da UE; é dicir, a Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, o Plan estatal de prevención de residuos, o Plan estatal marco de xestión de residuos (PEMAR), o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia (PXRUG), entre outros, e incorporarase tamén o posterior paquete sobre economía circular.

Estes principios son o fomento da economía circular, a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, e xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

O Revitaliza conta nestes momentos cun total de 48 concellos adheridos e un longo treito andado, para o que foi necesario unha ordenanza reguladora na que se recollesen as normas que rexen o seu funcionamento, razón pola que o Pleno provincial, na sesión do 26 de outubro de 2018, acordou aprobar inicialmente a Ordenanza reguladora da compostaxe local para os biorresiduos municipais do Revitaliza. Este acordo quedou elevado a definitivo ao non producírense alegacións no período de información pública e o seu texto íntegro publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra núm. 21, de 30 de xaneiro de 2019.

A través desta ordenanza, ademais de recollerse a experiencia acumulada da implantación do propio Revitaliza, conseguíronse completar e sistematizar as normas de funcionamento do plan e consolidar as obrigas e os dereitos das institucións implicadas (a Deputación e os concellos).

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

O momento actual é especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI); por iso, ante a previsión de que os concellos non acaden os obxectivos propostos se non se lles proporcionan os instrumentos necesarios para tal fin, proponse a modificación da Ordenanza reguladora da compostaxe local para os biorresiduos municipais do Revitaliza.

Obxectivos:

Unha vez que se avanzou na implantación do Revitaliza nos termos expostos, detectouse a necesidade de modificar este instrumento normativo coa finalidade de acadar dous obxectivos principais: por un lado, adecualo á situación real existente dos concellos adheridos modificando os obxectivos das porcentaxes de tratamento dos biorresiduos e adaptando as súas obrigas, o que inclúe a necesidade de implantar e reforzar, segundo os casos, o servizo de vixilancia, inspección e control do servizo de residuos municipais; por outro, establecer unha colaboración activa para dotar os concellos dos instrumentos normativos precisos que consoliden os avances xa acadados e aumenten o ritmo de implantación do novo sistema de tratamento de residuos baseado na compostaxe, coma a ordenanza reguladora do servizo e a ordenanza fiscal.

Por este motivo, deséñase un proceso participativo aberto ás asociacións, ás organizacións, aos colectivos e á veciñanza interesada en debater e facer achegas relativas a esta iniciativa provincial.

Rango da norma:

Norma de carácter regulamentario (ordenanza). Pola súa natureza, os cambios propostos deben abordarse necesariamente como modificación do instrumento normativo.

Descargas:

Ordenanza Revitaliza (pdf)

Ordenanza Revitaliza Modificada (pdf)

Memoria participación cidadá modificación ordenanza Revitaliza(pdf)

Última modificación: xoves, 18 marzo 2021