Noticias

Novas relacionadas

Unha senda peonil con iluminación cada 50 metros unirá os lugares de Cuñas e Parada

A Deputación de Pontevedra sacou o proxecto a licitación, cun orzamento de preto de 230.000 euros


05 febreiro 2020
Ponte Caldelas
Senda Cuñas-Parada

Unha senda peonil dotada de iluminación unirá os lugares de Cuñas e Parada, creando un proxecto que mellorará a seguridade vial para os peóns que a diario empregan este espazo, ben para comunicarse co centro da vila ou ben para camiñar por lecer.

A actuación desenvolverase nun tramo de dous quilómetros, dende a rotonda de Cuñas ata o Cruceiro de Parada (EP-0206), e contará cun orzamento de preto de 230.000 euros. O obxectivo é crear un espazo de circulación para os peóns, bicicletas e persoas con mobilidade reducida na marxe dereita do vial, de maneira que aproveitando o actual sobreancho do que dispón a vía se cree unha senda de formigón colorado que terá, como mínimo, 2,5 metros de ancho.

A actuación inclúe tamén unha importante mellora na parte central do lugar de Parada, pois no estreitamento da estrada que existe no centro do núcleo crearase unha plataforma única sobreelevada que permitirá a coexistencia de tráfico rodado e peonil nunhas condicións de seguridade máis axeitadas ás actuais.

As obras van permitir tamén mellorar a iluminación no tramo interurbano. Deste xeito, incrementaranse o número de puntos de luz existentes con farolas cada 50 metros. Tamén se vai instalar unha tubaxe de evacuación das augas pluviais que caen na estrada e contémplase a colocación de arquetas de rexistro. Igualmente reporase e mellorarase o firme en zonas con danos e repintarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.