Noticias

A Deputación inicia as obras de mellora de seguridade viaria da EP-0307 O Peso-Caroi

A actuación na estrada provincial ao seu paso por A Lama e Cerdedo-Cotobade ten un orzamento de 750.000 euros e un prazo de execución de oito meses


02 maio 2020
Obras de mellora de seguridade viaria da EP 0307 Peso-Caroi

A Deputación de Pontevedra iniciará o vindeiro martes 5 de maio as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0307 O Peso-Caroi ao seu paso polos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade. Trátase dun ambicioso proxecto enmarcado no modelo de mobilidade segura da institución provincial, que inviste 749.513 euros nestas obras.

O tramo que se vai mellorar abrangue desde o punto quilométrico 4+000 ao 6+000 da citada estrada, que na actualidade presenta un firme deficiente e ten dobre sentido de circulación, pero sen ter delimitados os carrís e cunha anchura total de entre 3 e 4 metros, sen beiravías nin bermas. Trátase, así mesmo, dunha zona estreita debido a que o viario discorre a media ladeira e existen nas súas marxes grandes desniveis, edificacións e formacións rochosas. Doutra banda, a estrada, cuxo límite no leste é a serra do Cando –catalogada na Rede Natura 2000–, discorre por unha zona cunha alta pluviometría e habitualmente debe evacuar volumes importantes de auga.

As obras que financia a Deputación, cun prazo de execución de oito meses, permitirán ampliar a superficie da estrada provincial para garantir a seguridade viaria e dotala de carrís de 2,75 metros, unha cuneta de seguridade dun metro de anchura na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma de 0,5 metros na marxe esquerda.

Para realizar esta actuación será necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario. Tamén será preciso o retranqueo dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución ou ampliación das obras de drenaxe existentes. Ademais, con estas obras repoñerase a barreira de seguridade e colocaranse sinais verticais e horizontais e seis redutores de velocidade.