#8M Profesionais de empresas abordan na sede viguesa da Deputación os retos e a lexislación para acadar a igualdade laboral
A xornada organizada por Aedipe afondou en cuestións clave coma os plans de igualdade, as auditorías salariais de xénero ou os protocolos de prevención do acoso
Os novos retos para acadar a igualdade nas empresas e a lexislación posta en marcha con ese obxectivo foron o centro da xornada que tivo lugar na sala Susana Rodríguez Gacio da sede viguesa da Deputación de Pontevedra. A asociación Aedipe Galicia, integrada na Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas, organizou no marco dos actos do Día da Muller o encontro "Claves para a implantación de medidas laborais aplicando a perspectiva de xénero", no que participou unha vintena de profesionais de entidades empresariais e que contou coa intervención da deputada provincial Ana Laura Iglesias.
"Non se acadou a igualdade efectiva no ámbito empresarial, e temos que rachar con ese teito de cristal. As mulleres somos o 52 % da poboación e temos os mellores expedientes académicos, e esa situación non se traslada á realidade laboral", explicou Iglesias, quen subliñou que "a Deputación de Pontevedra, dirixida por primeira vez na historia por unha muller, a presidenta Carmela Silva, ten na igualdade un dos seus elementos identificadores".
María Ángeles García, presidenta da Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais (Agaxen), impartiu na xornada o relatorio "Transversalidade no principio de igualdade nas empresas". Nel abordou a integración da perspectiva de xénero na xestión empresarial, falando de cuestións tan importantes coma a elaboración dos obrigatorios plans de igualdade, a equidade laboral, as auditorías salariais ou os protocolos de prevención do acoso.
Pola súa banda, a avogada Ainoa González Díaz, socia do Bufete Barrilero y Asociados, abordou detalladamente na súa charla os puntos críticos dos plans de igualdade, unha ferramenta imprescindible para promover a igualdade de xénero efectiva nas empresas.
Esta xornada inaugurou as actividades na sala Susana Rodríguez Gacio da sede da Deputación en Vigo.