Noticias

A Deputación facilita co Plan ReacPon a transformación das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González en Cuntis

O alcalde Manuel Campos agradeceu á institución provincial "a oportunidade única" que supoñen estes fondos extraordinarios para cambiar a fisonomía do municipio


17 xaneiro 2022
Sinatura convenio ReacPon Cuntis

"O Plan Reacpon é unha oportunidade única" nas grandes transformacións de mobilidade que está a afrontar o Concello de Cuntis, como subliñou hoxe o seu alcalde, Manuel Campos, trala firma coa presidenta provincial Carmela Silva do convenio deste plan extraordinario da Deputación que permitirá abordar a reordenación das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González para convertelas en espazos amables e cun investimento de 578.417,76 €, dos cales a institución provincial achega 496.933,38 € e o Concello os case 81.000 restantes. "Demos nestes seis anos un cambio importante a Cuntis e queda moito por facer e moitas demandas por atender, pero se temos axuda da Deputación e doutros organismos será máis fácil sacar adiante estes proxectos", subliñou Campos.

A presidenta Carmela Silva felicitou ao Concello de Cuntis por apostar, a o igual que moitos concellos da provincia, por unha mobilidade amable con transformacións que van na liña da recuperación do espazo público para as persoas e de poñelas no centro con proxectos de "enorme calidade", vinculados á Axenda 2030 e "ao que reclama o Plan de Resiliencia, financiado polos Next Generation de construír vilas sostibles". "Esta provincia está a ser unha grande referencia en transformacións urbanas", subliñou. Engadiu que este convenio é posible grazas aos recursos extraordinarios do Plan ReacPon que están a permitir que os concellos pequenos poidan facer fronte a proxectos para os que de non haber esta axuda, serían moi difíciles de asumir. Por iso reclamou á Unión Europea, ao Goberno do Estado e particularmente á Xunta "que dediquen moito máis recursos para os concellos de forma incondicionada para que poidan facer as transformacións que queren facer. Os concellos –apuntou- teñen moi boas ideas, son moi eficientes e eficaces, e presentan proxectos en tempo e non devolven recursos como si ocorre con outras administracións. Se queremos un país diferente temos que dedicar recursos aos concellos para que os xestionen de forma directa."

Carmela Silva lembrou que fronte a este plan, con criterios obxectivos e bases "iguais para todos", "non está a acontecer o mesmo coa Xunta". "Temos elaborado desde hai tempo un relatorio de todos os conveni0s da Xunta con concellos da provincia –afirmou- e todos son do PP. Hai algunha excepción, pero a xeneralidade é que se firman convenios de moitísimos recursos so concellos do PP. É intolerable, porque a xente ten dereito a ter infraestruturas vida onde vida. Quero facer unha reclamación para que a Xunta copie este modelo". Neste senso anunciou que a Deputación denunciará tamén estes feitos, "porque temos a obriga de defender aos concellos".

Pola súa banda, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que asistiu coa concelleira Concepción Campos, agradeceu á Deputación este novo plan, "que vai supoñer un cambio moi importante para esas rúas", e que vén sumarse a outras actuacións en mobilidade sufragadas pola institución provincial este ano, como é a reforma da Rúa da Palma na EP-8402 Cuntis-Cequeril, actualmente en fase de licitación por outros 600.00o euros, "co que será unha inversión provincial de 1,2 millóns este ano, algo importante que vai mellorar notablemente a vida da veciñanza". Amais, citou que a urbanización do polígono da Ran financiada co Plan DepoRemse "foi un antes e un despois e cambiou a fisonomía do parque industrial" e facilitou que dúas institucións estatais, "que non teñen competencias no ámbito industrial na comunidade", Zona Franca e a SEPI, vaian investir agora case 6 millóns para o desenvolvemento esta infraestrutura, "algo que vai permitir que en Cuntis avancemos". Campos compartiu o feito de que este investimento provincial choca coa nula aportación da Xunta, "que se esqueceu de todo e para a que parece que non existimos". "O problema é que a nosa cidadanía pensa que é de terceira e non de primeira como noutros concellos" -criticou-. Si estamos para dicir o que fai a Deputación".

Carmela Silva, que destacou o modelo turístico que está a abordar o Concello de Cuntis, e o alcalde Manuel Campos, recollerán por primeira vez o vindeiro xoves 20 o recoñecemento da Q de Calidade para a Oficina de Turismo en Cuntis na feira Fitur. "Todas as Q son a mellor promoción que existe", como subliñou a presidenta, mentres que Campos destacou tamén o apoio da institución provincial a esta sede e ao turismo na vila no Castro de Castrolandín, "onde se fixeron actuacións importantes que van cambiar o futuro de Cuntis". O rexedor espera agora o financiamento do IDAE para outro proxecto de mobilidade que vai cambiar o casco histórico de Cuntis e anunciou que o Plan Concellos vai dedicarse este ano, a excepción da sede de Castrolandín, "ao mundo rural, con actuacións en todas as aldeas e núcleos importantes". "Temos o 80% do Concello saneado, con recursos propios e da Deputación, e estamos avanzando tamén na brecha tecnolóxica", apuntou o alcalde.

Proxecto en Cuntis

A reordenación das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González permitirá crear espazos amables e de calidade, coa renovación do parque infantil (terá nova iluminación e pavimento de seguridade) e con aparatos biosaudables no espazo que rodea á pista de xogos. Tamén se ampliarán os espazos para as persoas, mellorarase a seguridade, coa redución da velocidade a 20 Km,/h, e accesibilidade aos equipamentos e infraestruturas e dotarase de nova pavimentación á zona, así como novas redes de fecais, pluviais, auga potable e iluminación. Amais, instalaranse novos elementos de sinalización e novo mobiliario urbano (papeleiras, bancos e un banco-cargador de móbiles alimentado con enerxía solar).