Noticias

Pere Navarro asegura que a ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable' da Deputación formula un "modelo exportable": facer cidades máis ‘vivibles' e seguras

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe o traballo realizado pola institución provincial no marco do V Encontro de Cidades de Málaga organizado pola DXT e a FEMP


06 febreiro 2019
V Encontro das Cidades en Málaga

A Deputación de Pontevedra deixou hoxe pegada no máis de medio milleiro de participantes do V Encontro de Cidades organizado pola Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP en Málaga para falar dunha ‘Nova mobilidade urbana'. Alí, o deputado Uxío Benítez entregou a ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable' realizada pola institución provincial ao director xeral da DXT Pere Navarro, e explicou o traballo realizado na provincia de Pontevedra para dar prioridade ás persoas nas vías provinciais e nos espazos públicos ante unha audiencia que aplaudiu o modelo pontevedrés.

Tras coñecer o contido da guía e escoitar o relatorio da Deputación Pere Navarro deulle os parabéns ao deputado de Mobilidade provincial e destacou que os conceptos e propostas prácticas da publicación pontevedresa deberían exportarse non só a cidades e vilas españolas, senón incluso a países latinoamericanos que nestes momentos teñen importantes problemas de mobilidade e seguranza viaria co fin de facelas máis ‘vivibles' e seguras.

Coincidindo coas teses expostas por Benítez, Navarro asegurou publicamente na súa conferencia inaugural que é fundamental traballar para "reducir os coches das cidades" e crear espazos nos que a mobilidade principal sexa a das persoas. "A competitividade das cidades xógase na xestión da mobilidade, que debe ser segura, conectada e limpa. En política é importante arriscar e hai que ter en conta ás e aos usuarios máis vulnerables e cambiar a política de mobilidade dándolle prioridade ás persoas", subliñou.

Non só o director da DXT louvou o traballo da Deputación de Pontevedra, senón que moitos representantes doutras administracións locais, provinciais, autonómicas e estatais de moi diferentes cores políticas interesáronse pola Estratexia de Mobilidade 3.0 que está a desenvolver a Deputación sobre os piares da seguridade, sustentabilidade e inclusión. O persoal técnico e electo presente no encontro preguntou, de feito, por cuestións prácticas tanto no relativo ao cambio de prioridades nos proxectos de melloras urbanas e de estradas, senón tamén, e en concreto, polo Plan Móvese para instalar redutores físicos de velocidade, polas liñas de subvencións para redactar plans de mobilidade sustentable que benefician a 42 dos 61 concellos da provincia, e polas axudas para desenvolver camiños escolares seguros, entre outras iniciativas.

Benítez instou aos gobernantes presentes a ter determinación para actuar na recuperación do espazo público e desenvolver o modelo que se está a estender na provincia de Pontevedra, xa que, insistiu, "o dereito ao espazo público débese entender como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade e á educación". Por último, fixo súas as palabras utilizadas por Francesco Tonucci asegurando que "o espazo público é o único que é de todas e todos".