O programa da Deputación de Pontevedra "Depo en marcha" 2018 inicia esta semana tres novos obradoiros
Nas actividades participarán preto de 50 persoas maiores dos concellos de Portas, O Porriño e A Estrada
Un total de 48 persoas maiores da provincia participarán en tres novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2018. Os talleres iniciaranse nos municipios de Portas, O Porriño e A Estrada e centraranse na elaboración de xabóns, en técnicas de cestería e obradoiros de memoria.
Máis polo miúdo, no concello do Porriño, un total de 18 persoas da Asociación Cultural Os Penediños de Atios van comezar este venres 7 de decembro o obradoiro de Elaboración de Xabóns. Terá lugar os venres de 16 a 18 horas ata final de ano.
Pola súa banda, na Estrada, 15 persoas da Asociación de Veciños Santa Apolonia comezan o vindeiro luns 10 de decembro un taller de Cestería. Vaise realizar todos os luns, de 18:30 a 21:30 horas, ata final de ano.
Para rematar, ese mesmo luns, 10 de decembro, en Portas iniciarase un obradoiro de Conservando a Memoria no que participarán 15 persoas da Asociación Cultural San Cristóbal de Briallos. Este curso, que tamén se alongará ata finais de ano, terá lugar os luns e mércores en horario de 21 a 22 horas.
"Depo en marcha" é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida e evitar o illamento e a soidade.