Noticias

O modelo de mobilidade trae a Pontevedra ao conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires, Fernando Verdaguer

Deputación e Concello realizarán sendas recepcións institucionais e sesións de traballo técnico co profesor e trinta estudantes da Universidade de Belgrano


27 febreiro 2019
Carmela Silva, Fernando Verdaguer e Uxío Benítez

O modelo de mobilidade amable de Pontevedra traerá mañá ata a Deputación e o Concello capitalino ao conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires e profesor da Universidade de Belgrano (Arxentina), Fernando Verdaguer. O arxentino virá acompañado de trinta estudantes da Facultade de Arquitectura e Urbanismo interesados en coñecer de forma directa o traballo que están a realizar a administración provincial e local na materia, nunha viaxe especificamente organizada ao efecto.

Esta visita da comitiva arxentina xurdiu despois de que o profesor Verdaguer coincidira o pasado mes de outubro en Lima coa presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, durante a celebración do VI Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria (CISEV). Entón, despois de asistir ao relatorio de Benítez sobre a necesidade de eliminar a violencia viaria e da recuperación do espazo urbano como un dereito equivalente á educación e á sanidade, Verdaguer mostrouse gratamente sorprendido polo concepto de mobilidade no que está a traballar Pontevedra.

O arxentino puxo o foco de maneira enérxica en Pontevedra no propio CISEV, ante representantes de moitos países latinoamericanos, asegurando que "uno ve Pontevedra y dice ‘¡Alguien la ha pegado!'. Quiero ir con mis alumnos de la facultad a Pontevedra. No quiero ir a Suecia, a esos lugares raros… No, no, no. Quiero ir a ver como cuatro tipos con compromiso, pulpo y albariño han arreglado las cosas. ¡Se puede hacer! La solución está más cerca. No miremos tanto a Miami y miremos más a Pontevedra. El horizonte no está tan lejos: hace falta más compromiso político que técnica", subliñou.

Fernando Verdaguer é conselleiro do Plan Urbano Ambiental de Bos Aires dende xullo de 2008, ademais de profesor titular da Universidade de Belgrano. O seu longo currículo tamén inclúe que foi director xeral da Comisión de Tránsito e Transporte de Bos Aires, director de Proxectos Especiais da Asociación Argentina de Carreteras, director xeral de Arquitectura do Ministerio de Cultura, subsecretario de Tránsito e Transportes e asesor da Secretaría de Planeamento Urbano de Bos Aires, entre outras ocupacións.

A xornada programada para a comitiva arxentina comeza mañá ás 10.30 na Deputación cunha reunión de traballo técnico con persoal do Servizo de Mobilidade para seguir cunha recepción institucional por parte do vicepresidente Mosquera. Xa no Concello, o grupo será recibido polo xefe do servizo de Urbanismo e o xefe da Policía Local, posteriormente nun acto oficial polo alcalde, para durante a tarde realizar unha visita ás rúas da cidade.