Noticias

O Goberno de Carmela Silva financia con preto de 115.000 euros a mellora do saneamento nas parroquias de Arcos e Bugarín, en Ponteareas

Trátase dun investimento do Plan Concellos 2019, ao través do cal a Deputación pon á disposición da vila un total de 1.208.481,9 euros, un 4,31 % máis que no 2018


23 febreiro 2019
Plan Concellos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno dun investimento para Ponteareas con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 113.980,63 euros cos que a vila poderá levar a cabo a mellora do saneamento nas parroquias de Arcos e Bugarín. Este ano a institución provincial pon á disposición de Ponteareas ao través do plan un total de 1.208.481,9 euros, un 4,31 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, vanse implantar colectores en Arcos e Bugarín co obxectivo de incrementar a dotación de infraestrutura de saneamento nas parroquias de Ponteareas. En Arcos, tres ramais darán servizo a quince vivendas ao conectarse á rede existente e conducir as augas recollidas á depuradora da Moscadeira para a súa depuración. No que respecta a Bugarín, un colector dará servizo a sete vivendas e será conectado á rede existente na parroquia que conduce as augas residuais á depuradora da Freixa. Por último, unha vez rematada a instalación da rede, procederase á reposición do firme de xeito que quede co seu estado actual.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 826.232,26 euros, o Concello de Ponteareas tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 110.852,40 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 271.397,24 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 43 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio anterior.