Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba unha nova achega do Plan Concellos para Ponteareas por un valor de preto de 140.000 euros

Con este investimento, a Deputación de Pontevedra vai financiar o proxecto de ampliación e mellora dun viario público en Duca


16 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento destinado ao Concello de Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos 2018. Con esta partida de 136.170,16 euros a vila poderá financiar o proxecto de ampliación e mellora dun viario público en Duca, na parroquia de Santiago de Oliveira.

Ademais desta achega, o Goberno provincial a través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio de Ponteareas. En concreto, 119.689,74 euros para a adquisición de xogos para parques infantís e urbanos, 112.903,77 euros para o saneamento de augas fecais no barrio de Picón, Angoares e no barrio de Amial, 152.818,26 euros para a ampliación da rede de abastecemento en varios núcleos da vila, 165.723,58 euros para o proxecto de reurbanización dun tramo da rúa San Roque e 146.255,51 euros para a substitución dun equipo de climatización en piscina municipal.

No que corresponde á liña 2, a Deputación adxudicou 110.341 euros á vila para gasto corrente e, tamén, outros 262.060 euros foron destinados á financiación da contratación de 35 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

A Deputación destina este ano a Ponteareas, ao través do Plan Concellos, un total de 1.984.813,32 euros, un 73,35 % máis que en 2017.