Noticias

O goberno de Carmela Silva achega preto de 40.000 € a Vilanova de Arousa ao abeiro do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado o 95,3 % do total destinado a Vilanova de Arousa dentro do plan, é dicir, 660.000 €


19 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar por Resolución presidencial unha nova achega ao concello de Vilanova de Arousa, no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 37.256,37 € para a pavimentación en András e Vilanova de Arousa.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017 anteriormente a institución provincial xa destinara a Vilanova de Arousa outros 399.855,1 € na liña 1 para a subministración de cadeiras para eventos, a urbanización da praza do parque, o acondicionamento da ampliación do centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, para a mellora do alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro, a pavimentación da rúa Concepción Arenal, a subministración de equipamento infantil, de sistema de son para a celebración de actividades e para un tractor e unha rozadoira, tamén para o acondicionamento da pasarela do Terrón e para a canalización de pluviais e pavimentación na parroquia de Caleiro. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Vilanova de Arousa outros 103.764,83 € para o pagamento de acredores de gasto corrente, actuacións musicais de verán e para a Festa do Momo, así como 155.647,25 € para a contratación de 18 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Vilanova de Arousa xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 95,3 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 659.267,18 € dun total de 691.765,55 €.